Pontevedra reforza a súa aposta polo ciclocrós e mira cara ao Mundial de 2024

Pontevedra
09 de xaneiro 2020

O Concello de Pontevedra foi escenario este xoves da presentación do Campionato de España de Ciclocrós que terá lugar o sábado 11 e o domingo 12 na Illa das Esculturas, unha ocasión na que se reafirmaron os plans da cidade de pelexar por organizar unha Copa do Mundo e, por que non, un Mundial da especialidade

Presentación do Campionato de España de Ciclocrós Cristina Saiz

A  Illa das Esculturas prepárase para acoller a fin de semana, o sábado 11 e o domingo 12 de xaneiro, o Campionato de España de Ciclocrós máis concorrido da historia, con 820 ciclistas rexistrados nas diferentes categorías.

O Concello de Pontevedra foi escenario este xoves da presentación do evento, que se realiza na Boa Vila por segundo ano consecutivo, nunha ocasión na que os responsables municipais e das federacións galega e española de ciclismo reafirmaron a súa aposta para que a cidade acolla grandes eventos desta especialidade nos próximos anos.

Tras acoller probas da Copa Galicia, o Campionato Gallego, Campionato de España e Copa de España, o seguinte paso será a organización en outubro dunha proba de categoría C1 de nivel internacional como requisito previo a presentar candidatura para optar a unha Copa do Mundo, tal e como xa se recoñeceu previamente.

Pero non é o último paso na folla de ruta marcada, xa que Pontevedra mira de esguello cara ao Campionato do Mundo de Ciclocrós de 2024/2025. "Vamos a seguir nesa liña de traballo", confirmou o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.

"Lo que está claro es que hay una apuesta clara por el ciclocross en Pontevedra"

, recoñeceu á súa vez o presidente da Federación Española, José Luis López Cerrón prometendo todo o apoio posible neste proceso. "Ojalá que en dos años podamos tener aquí una Copa del Mundo, porque hace muchos años que no tenemos una en España", sinalou o dirixente.

Antes de todo iso toca gozar dun Campionato de España que promete espectáculo e no que "esperamos estar á altura", sinalou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

A competición terá lugar nun circuíto renovado, de 3.100 metros que se completará en sentido inverso ás agullas do reloxo, máis complicado tecnicamente para os deportistas que o de hai un ano e accesible para o #gozar do público.

En canto á programación, abrirán fogo ás 9:00 horas do sábado os ciclistas Máster 50 e 60 masculinos, seguindo ás 10:20 horas os Máster 40, ás 11:45 os Máster 30 e ás 12:50 horas as cadetes e máster femininas. Para a tarde quedan as categorías cadete masculina (15:30) e júnior masculina (16:20). O domingo pola súa banda será quenda das carreiras máis esperadas, a sub-23 masculina (10:00 horas), elite e sub-23 feminina (11:30) e a categoría elite masculina (13:30 horas).