Pontevedra presume de olímpicos en París 2024: "Vai unha representación con moitísimas posibilidades"

Pontevedra
24 de xullo 2024

O Concello de Pontevedra recibiu este mércores ao piragüista Pablo Crespo e ao tirador paralímpico Juan Antonio Saavedra a poucos días de que dea comezo o gran evento do deporte internacional. Oito serán os representantes nos Xogos con vinculación directa coa Boa Vila

Recepción no Concello aos olímpicos Pablo Crespo e Juan Antonio Saavedra Mónica Patxot

A poucos días de que dean comezo de maneira oficial os Xogos Olímpicos de París 2024, o Concello de Pontevedra quixo dar apoio á representación local, recibindo dous dos deportistas que defenderán o pavillón da Boa Vila no gran evento do deporte interncional.

Foron en concreto o benxamín da expedición, o piragüista Pablo Crespo que vivirá a súa primeira experiencia olímpica, e o veterano tirador paralímpico Juan Antonio Saavedra, que participará nos seus sextos Xogos e conta xa con dúas medallas na súa poder (prata e bronce).

Pero en total serán oito os deportistas pontevedreses en París 2024, ou polo menos que teñen vinculación directa coa cidade por vivir ou adestrar nela.

Trátase dos citados Pablo Crespo e Juan Saavedra pero tamén da futbolista Teresa Abelleira, as piragüistas Antía Jácome, Carolina García e Teresa Portela, da atleta Antía Chamosa e da regatista Támara Echegoyen, esta última abanderada do equipo español.

"Vai unha representación con moitísimas posibilidades", sinalou na recepción o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para quen o importante é visibilizar que en Pontevedra hai sete deportistas que van a competir nas Olimpíadas, que é unha barbaridade".

Fala Lores de sete deportistas xa que na liña de axudas aprobadas polo goberno local para os olímpicos non entra, por decisión propia, Támara Echegoyen, aínda que "para nós é da casa".

Todos eles recibirán unha achega económica de 5.000 euros habilitándose para tal fin 35.000 euros de partida orzamentaria, aínda que ampliables a 15.000 euros máis no caso de ser necesario.

En canto aos protagonistas, Pablo Crespo afirma que na súa primeira experiencia olímpica "estou moi ben e con moita ilusión de vivilo todo". Faino ademais sen a presión dun resultado tras terse clasificado no último momento e con incerteza, ademais de por a súa mocidade, por iso "hai que competir, estar serios cando toque pero polo demais é unha experiencia que hai que gozar en todos os aspectos", asegura.

Más ambicioso prepara Juan Antonio Saavedra a cita dos Xogos Paralímpicos que arrincan o 28 de agosto, e é que "vou a por dous ouros, eu aspiro a todo", defende. Chega como número 1 do ranking mundial, pero sabe da dificultade que entrañan os Xogos, polo que non se desvía do obxectivo.

Quédalle un mes de adestramento no que "o 26 de xullo vou a Italia a un trainning camp, aquí estarei despois ata o 12, irei á Blume a Madrid a empezar a última fase e o 20 de agosto viaxarei xa a Francia", detallou na conversación mantida no despacho do alcalde.