Pontevedra presentará candidatura para organizar de novo en 2027 a Gran Final das Series Mundiais

Pontevedra
20 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Así o confirmou este mércores o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, aproveitando a presenza na cidade dos presidentes das federacións internacional e española de tríatlon para constituír o comité organizador dos Campionatos Multideporte de 2025. "Temos certas posibilidades", asegura Lores

Carrera elite masculina da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en Pontevedra Mosrey Fotografía

A Boa Vila optará a repetir experiencia na organización da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, tras o éxito que supuxo para a cidade en 2023 acoller o maior evento mundial da modalidade olímpica deste deporte.

Así o confirmou este mércores o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, aproveitando a presenza na cidade dos presidentes das federacións internacional e española de tríatlon para constituír o comité organizador dos Campionatos Multideporte de 2025.

"Para o 27 imos a candidatar porque creo que deixamos unha boa imaxe. Temos certas posibilidades", asegura Lores avanzando que será necesario presentar candidatura formal este mesmo ano.

Nada máis terminar a Gran Final de 2023, o alcalde de Pontevedra xa afirmara que a posibilidade de repetir experiencia estaba aberta, pero agora a intención vai moito máis alá tras recibir o apoio incondicional da Federación Española de Tríatlon, da actual presidenta da World Triathlon, a española Marisol Casado, e dos representantes de Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra presentes na reunión deste mércores no Concello, co secretario xeral para o Deporte en funcións, José Ramón Lete, e o vicepresidente provincial Rafa Domínguez.

Tras pasar por Pontevedra en 2024 será outra localidade española, Torremolinos, a que acolla a Gran Final, en 2025 a honra recaerá en Wollongong (Australia) e en 2026 a cidade que se postula é Budapest.