Pontevedra prepárase para unha dobre ración de ciclocrós con probas da Copa Galicia e a Copa de España

Pontevedra
27 de novembro 2019

O hipódromo de Campañó o sábado 30 e a Illa das Esculturas o domingo 1 de decembro serán escenario a fin de semana do mellor ciclocrós galego e nacional

Presentación da Copa de España de Ciclocrós
Presentación da Copa de España de Ciclocrós / PontevedraViva

O ciclocrós galego e nacional volve os seus ollos cara a Pontevedra. Nunha tempada especial, que concluirá coa disputa na cidade por segundo ano consecutivo do Campionato de España da especialidade (11 ao 13 de xaneiro), a Boa Vila ten esta fin de semana unha dobre proba de nivel a modo de aperitivo.

Por unha banda o hipódromo de Campañó acollerá o sábado 30 de novembro o IV Trofeo Concello de Pontevedra, enmarcada dentro da Copa Galicia, con carreiras nas diferentes categorías desde as 9:30 horas. Esta proba está organizada polo Club Deportivo Pinarium.

O prato forte con todo se reserva para a matinal do domingo no circuíto da Illa das Esculturas que será tamén escenario en xaneiro do Campionato de España. Alí terá lugar a penúltima cita puntuable para a Copa de España, na que estarán presentes os mellores especialistas do panorama nacional.

Trátase de "un paso previo necesario para esa candidatura que queremos presentar", recoñeceu na presentación da competición a concelleira Anabel Gulías sobre os plans de Pontevedra de optar nos próximos anos a unha Copa do Mundo.

O evento preséntase como decisivo para as clasificacións finais da Copa, con Ismael Esteban con opcións de pechar o título na categoría absoluta masculina e Aida Nuño tentando sentenciar a feminina, aínda que a presenza da internacional Lucía González poñerallo máis complicado. Ademais a marinense Irene Trabazo chegará a Pontevedra como líder da clasificación sub-23.

O gran ausente será Felipe Orts, gañador das dúas primeiras citas da Copa de España e gran referencia do ciclocrós nacional, ao estar en Bélxica para correr dúas probas de nivel internacional.

Na Illa das Esculturas habilitarase, como no último Campionato de España, un trazado de case 3 quilómetros de lonxitude con varias zonas de obstáculos artificiais, escaleiras e taboleiros, que obrigarán aos ciclistas para ter que botarse a bicicleta ao ombreiro. Trátase dun circuíto técnico e rápido que a climatoloxía das últimas semanas pode endurecer.

A competición iniciarase o domingo ás 9:00 horas da mañá coa carreira para Máster 30, 50 e 60. Despois seguiranlle ás 9:50 horas os Máster 40; ás 10:45 horas os cadetes así como as mulleres Máster 30, 40 e 50. Ás 12:00 horas iniciarase a proba para ciclistas junior masculinos, e ás 13:00 horas será a celebración da carreira elite, sub23 e  junior feminina. O broche poñerao ás 14:00 horas a carreira elite e sub23 masculina.