Pontevedra prepara Metrosan, unha rede de 28 roteiros de sendeirismo para fomentar a actividade física

Pontevedra
11 de febreiro 2021

A concellería de Deportes presentou este xoves as conclusións do estudo sobre uso de espazos públicos para a práctica deportiva. A senda do Lérez é o espazo favorito dos pontevedreses, que na súa maioría (66 %) fan exercicio en parques ou roteiros de sendeirismo da cidade.

Tino Fernández presenta MetroSan, unha rede de roteiros de sendeirismo Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra prepara a creación dun novo programa destinado a fomentar a actividade física entre a poboación. Recibirá o nome de MetroSan e consistirá nunha rede de, polo momento, 28 itinerarios de sendeirismo por todo o territorio municipal clasificados pola súa lonxitude e dureza. Ademais, moitas destes roteiros estarán conectadas entre si para ofrecer aos usuarios unha maior variedade e descubrirlles diferentes lugares da súa cidade.

A maioría están na contorna periurbana de Pontevedra, coa expeción das existentes no Pontillón do Castro. Con todo, a intención da concellería de Deportes é ampliar este armazón ás 15 parroquias. Ademais, desde o departamento que dirixe Tino Fernández están a deseñar tamén a instalación de novos parques biosaudables e de calistenia.

Esta iniciativa xurdiu por mor dun estudo realizado polo investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Paulo Carlos López. Entre novembro e decembro do 2020, o seu equipo realizou preto de 600 enquisas entre pontevedreses para coñecer con que frecuencia realizan deporte ao aire libre e cales son os seus espazos públicos favoritos.

A investigación concluíu que máis do 65 % da poboación pontevedresa fai uso de parques e roteiros de sendeirismo para realizar algún tipo de actividade física. O 44 % deles recoñece facer exercicio a diario, mentres que o resto adoitan facelo as fins de semana. A franxa horaria favorita é a comprendida entre as 18 e as 22 horas.

O espazo favorito dos cidadáns é a senda do Lérez, o tramo comprendido entre a ponte dos Tirantes e a ponte das Palabras, cun 25 %. Séguelle a Illa das Esculturas, cun 10 %; a senda do Gafos (9 %), Campolongo (8 %) e a Xunqueira de Alba (7 %).

Entre os que practican deporte a diario, que son ao redor do 17 %, obsérvase unha importante brecha de xénero. Mentres que o 25 % dos homes aseguran realizalo, só o 10 % das mulleres din practicar deporte cada día. O running ou o ciclismo son os favoritos dos pontevedreses, que o fan á primeira hora do día ou a cando cae a noite.

Esta enquisa serviu tamén para comprobar o grao de aceptación da decisión da concellería de Deportes de manter pechadas as instalacións deportivas como medida de prevención de expansión da pandemia da covid-19. O 66 % dos enquisados mostrouse a favor desta medida. "O que se contrapón coas críticas dalgún grupo político", recriminou Fernández en alusión ás protestas do principal partido da oposición, o PP.