A pandemia non variou os plans de Pontevedra co ciclocrós, modalidade deportiva pola que se apostou con forza para os próximos anos. Certo é que a folla de ruta variou lixeiramente desde que se anunciara publicamente a aspiración de ir a por o Mundial da especialidade en 2024.
Co Campionato de Mundo outorgado xa ata 2026 e a Copa do Mundo ampliada a 18 probas, o Concello de Pontevedra e a Federación Galega de Ciclismo marcáronse un novo obxectivo, o Campionato de Europa.
"Agora mesmo parécenos máis interesante o Europeo que unha Copa do Mundo", confirma o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
Tanto é así que "imos a por o Europeo, e imos presentar candidatura para que en 2023 e 2024 Pontevedra sexa sede do Campionato de Europa de todas as categorías", sinala pola súa banda o presidente da Federación Galega, Carlos Muñiz.
"Interésanos moito máis a nivel deportivo e estratéxico", engade o representante federativo, ao ser unha competición que contará con carreiras de categorías inferiores ademais da elite e as máster, o que asegura unha importante participación e tamén un gran número de visitantes á cidade. Ademais cunha Copa do Mundo de 18 probas "é imposible garantir ás primeiros espadas" a pesar de necesitarse un investimento considerable.
Desde a cidade do Lérez móstranse esperanzados coas súas posibilidades de ser designados como sede do Europeo de Ciclocrós. "Creo que temos un bo currículo e un circuíto magnífico que conta ao noso favor", defende o edil de Deportes en relación á Illa das Esculturas, ao que se suma que "Pontevedra demostrou que ten capacidade para organizar calquera tipo de evento".
Para chegar alí, cun ano de atraso pola aparición da covid, recuperouse o plan trazado no seu momento para acumular experiencia organizativa, e que supoñerá acoller o próximo mes de outubro (días 9 e 10) unha competición de nivel C-1.
A maquinaria en todo caso está en marcha, coa intención de presentar oficialmente en poucos días a candidatura para albergar o Campionato de Europa. Quedan por diante meses de intenso traballo e incerteza, coa previsión de que "a principios do ano que vén deberíase saber" o veredicto da Federación Europea de Ciclismo, confirma Carlos Muñiz.