A Boa Vila presume de campioa do Mundo con Teresa Abelleira, tras o triunfo de España este domingo na final do Mundial.
Ademais da emoción de familiares, amigos e afeccionados polo triunfo, en especial na Ferrería onde se instalou unha pantalla xigante, tamén diversas autoridades felicitaron á futbolista.
Entre elas estaba o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quen confirmou tras o encontro que "estamos agardando a que volva a Pontevedra para facerlle unha recepción na que queremos que toda a cidade estea presente e lle manifeste o noso orgullo", explicou.
Lores mostrouse orgulloso da súa paisana "polo que ten conseguido, que nos pon a Pontevedra no mapa. "É unha pontevedresa que se formou en Pontevedra nas categorías de base, proclamouse campiona do Mundo coa Selección Española, polo tanto convírtese na mellor xogadora de fútbol que ten a cidade de Pontevedra", defendeu o rexedor.
O alcalde asegura que "xa lle transmitín por wasap e todas as vías e a ela persoalmente o orgullo que sentimos todos os pontevedreses polas súas fazañas".
A recepción oficial a Tere Abelleira dependerá en todo caso da axenda da futbolista, que este luns viaxará desde Sydney, facendo ecala en Doha, co resto da expedición española para aterrar, segundo o horario previsto, ás 22.00 horas da noite en Madrid.
Alí seguirán as celebracións e compromisos oficiais antes de regresar definitivamente a casa, a Pontevedra, onde ten previsto descansar uns días antes de poñerse a preparar a nova tempada deportiva co Real Madrid.