Un dos capitáns do Pontevedra Club de Fútbol, Víctor Vázquez 'Churre', foi o encargado de dar a cara este mércores en rolda de prensa tras o "golpe duro" que asegura supuxo a derrota fronte ao Ourense.
O central marinense fai autocrítica pero mira xa á fronte e ao futuro próximo, porque "isto segue e hai que tratar de levantarse".
"Quedar campión está complicado pero agora mesmo só podemos pensar en facer o noso traballo, ir xogar ata Coruña e conseguir eses tres puntos. Se o Ourense falla e non aproveitamos a oportunidade non se podería perdoar", sinala o defensor granate.
"A tempada non acabou", incide Churre, e é que se a xa pequena opción de ser primeiros desvanécese quedaría afrontar un play-off no que de novo o Estadio Municipal de Pasarón e o apoio desde as bancadas pode ser decisivo.
"Sabemos que a xente está connosco, Pontevedra non se rende nunca, nunca se rendeu e non se vai a render agora", sinalou o futbolista restando importantancia aos momentos de tensión vividos ao termo do encontro contra o Ourense, algo que foi "froito da tensión do partido, dun pouco de todo o día enteiro, hai un pouco de tensión en xeral diría eu, pero iso xa pasou".
De feito asegura como un dos capitáns que "o equipo está agradecido 100% a toda a afección e a todo o que levan empuxando todo o ano". Por iso "estou convencido que nestes momentos complicados van estar eles. Van estar a matar connosco".
ESGOTADAS AS ENTRADAS ENVIADAS POLO DEPORTIVO
Neste aspecto cabe sinalar que o Pontevedra Club de Fútbol confirmou que en pouco máis de 24 horas vendeu as 90 entradas enviadas polo RC Deportivo para o choque do próximo domingo en Abegondo.
A afección granate esgotou as localidades visitantes dispoñibles, tanto entradas soltas como as reservadas para o autocar organizado polo club e patrocinado pola firma 7Play.