Pontevedra mantense por cuarto ano no calendario da Copa de España Féminas de Ciclismo

Pontevedra
17 de outubro 2023

A Comisión Delegada da Real Federación Española de Ciclismo aprobou na súa última reunión o calendario de probas para a tempada 2024, no que se mantén o Gran Premio Cidade de Pontevedra de ciclismo feminino como cita puntuable para a Copa de España

Copa de España Féminas de ciclismo en Pontevedra

A Comisión Delegada da Real Federación Española de Ciclismo aprobou na súa última reunión o calendario nacional de probas para a tempada 2024, no que se mantén o Gran Premio Cidade de Pontevedra de ciclismo feminino.

O evento pontevedrés aparece por cuarto ano consecutivo como cita puntuable para a Copa de España Féminas de Estrada.

Nesta ocasión, farao como terceiro evento do calendario, sendo fixada a carreira para o día 24 de marzo.

Antes a Copa de España dará comezo o 3 de marzo co VIII Trofeo Ciclismo Feminino Villa de Noja e terá unha segunda parada o 17 de marzo co Gran Premio Igartza - Beasáin no País Vasco. O certame complétano o GP León (20 de abril), o VI Trofeo Femenino Ayuntamiento de Estella (8-9 de xuño), o II Trofeo Residencia Santa Ana de Abanilla en Murcia (15 de xuño) e a IV 'Classica de l'Arros' na Comunidade Valenciana (16 de xuño).

Na súa última edición, o Gran Premio Cidade de Pontevedra contou con medio milleiro de ciclistas rexistradas cun percorrido de 99 quilómetros na súa carreira absoluta nun circuíto cara a Marín con saída e meta na Corvaceiras.