Pontevedra inaugura o Mundial Sub23 de Loita mirando cara ao futuro: "Agardamos acoller algún Europeo absoluto"

Pontevedra
17 de outubro 2022

O Pavillón Municipal dos Deportes acolle desde este luns 17 de outubro e ata o vindeiro domingo día 23 o Campionato do Mundo Sub-23 de Loita nas súas modalidades olímpicas (libre e grecorromana)

Primeira xornada do Campionato do Mundo Sub-23 de Loitas Olímpicas Mónica Patxot

Despois de só un día de descanso a actividade internacional de loitas olímpicas regresou este luns ao Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.

O Campionato do Mundo Sub-23 de Loitas Olímpicas (libre e grecorromana) tomou a testemuña da competición de Grappling disputada a pasada semana. Por diante sete xornadas de emocións fortes ata o peche do campionato, previsto para o vindeiro domingo 23 de outubro.

Con preto de 60 países representados, os mundiais sub-23 estrenararon a súa actividade coa modalidade de loita grecorromana en cinco pesos (55, 63, 87 e 130 quilos). 

Despois chegarán os combates de loita libre masculina e feminina, con especial atención o vindeiro xoves 20 de outubro coa gran esperanza no Mundial da loita galega e española, Nerea Pampín, a deportista de Vila de Cruces que adestra a diario no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e que foi quinta no último Europeo Sub-23.

En canto á xornada inaugural, a actividade iniciouse xa de mañá coas roldas clasificatorias, antes da cerimonia oficial de inauguración celebrada á primeira hora da tarde e que deu paso ás primeiras semifinais, nas que non houbo presenza de ningún deportista español. 

Unha cerimonia oficial en todo caso coa vista posta cara ao futuro, e é que Pontevedra non se conforma con converterse estes días en sede do maior evento do ano, por número de deportistas, da Federación Internacional de Loita (United World Wrestling). "Dentro de dos años volveremos a Pontevedra con un Mundial Júnior", lembrou na súa intervención o presidente da Federación Española, Francisco Javier Iglesias, secundado nas súas declaracións polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ao sinalar dirixíndose aos deportistas que "agardo que esteades a gusto na nosa cidade e que poidades volver dentro duns anos sendo seniors, xa que agardamos acoller algún Campionato de Europa Absoluto".

Todo iso porque na Boa Vila "seguimos candidatándonos a campionatos de cada vez maior categoría, porque Pontevedra é unha cidade do deporte", defendeu o rexedor acompañado doutras autoridades como o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e representantes tanto da Xunta de Galicia como da Federación Internacional.