Pontevedra, elixida "por unanimidade" como sede da Gran Final das Series Mundiais de 2026

Pontevedra
17 de outubro 2024
Actualizado: 13:38

O comité executivo de World Triathlon, reunido en Torremolinos, escolleu "por unanimidade" a candidatura de Pontevedra, que por segunda vez na súa historia acollerá o gran evento de tríatlon mundial

Carrera elite masculina da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en Pontevedra Mosrey Fotografía

Xa é oficial. Pontevedra acollerá por segunda vez na súa historia o maior evento do tríatlon olímpico internacional, a Gran Final das Series Mundiais.

Farao en 2026, e non no 2027 como estaba inicialmente planeado, tras ser designada sede "por unanimidade", informa a Federación Española de Tríatlon, na reunión do comité executivo de World Triathlon celebrada en Torremolinos, onde estes días se disputa a última cita do mundial desta tempada.

"Pontevedra non pode estar máis orgullosa de acoller por segunda vez a final das Series Mundiais", sinalou tras a concesión o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nun comunicado oficial no que asegurou que desde a Boa Vila "tentaremos facer a mellor final posible".

Sen dúbida a exitosa edición de 2023, aínda na retina, resultou decisiva para poder lograr de novo organizar a Gran Final das Series Mundiais.

"Este tipo de grandes eventos internacionais, como tamén o é o Campionato do Mundo Multideporte do 2025, son posibles grazas a un modelo de cidade pensado para as persoas, recoñecido internacionalmente", defendeu Lores.

A iso sumou a capacidade organizativa demostrada por Pontevedra, a experiencia acumulada todos estes anos, a "participación activa" dos cidadáns neste tipo de campionatos ou o "trato exquisito" que reciben os atletas.

Para o alcalde, a elección unánime de Pontevedra como sede para 2026, que tamén buscaban Budapest, Cerdeña e México, "é unha mostra de que facemos as cousas ben", algo que considera que "é un éxito de toda a cidadanía".

Pola súa banda para o presidente da Federación Española, José Hidalgo, a sede escollida "tenía que ser Pontevedra por la impronta que dejó el año pasado en cuanto a pasión de los aficionados, afluencia de público y, en definitiva, una ciudad volcada que se merecía la concesión de otra final".

Foi ademais a última gran decisión da Federación Internacional coa española Marisol Casado como presidenta, afirmando que "es todo un honor que, en mi último ejecutivo como presidenta, se dé, una vez más, un gran evento a España y en concreto a Pontevedra por su gran apoyo a nuestro deporte".

Aínda que as datas exactas aínda están por definir, a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon de 2026 celebrarase "na terceira ou cuarta semana de setembro", segundo o alcalde, xa que é nesa data cando a cidade ten garantida a "máxima oferta hoteleira" para albergar a deportistas, adestradores e acompañantes.

Comparado coa edición de 2023, as previsións indican que, só en canto a participantes, superaranse os 5.000 deportistas, un notable aumento con respecto a hai tres anos tras incluírse novas probas, entre elas os grupos de idade en tríatlon supersprint e os relevos mixtos.