Dous dos equipos máis fortes defensivamente da categoría. Pontevedra e Rápido de Bouzas enfróntanse (domingo, 17:00 horas) en Pasarón, en busca dunha vitoria que lles permita aos primeiros manter a súa posición de privilexio e a súa vantaxe á fronte da táboa, e os segundos para meter a cabeza nos postos de play-off, dos que só os separan tres puntos.
Será un partido entre dous conxuntos en alza. O Pontevedra, crecido en confianza polos bos resultados fronte a rivais como Arosa e Choco, o Bouzas tras golear un dos favoritos como o Cerceda. Ambos os dous dende esa perspectiva de encaixar poucos goles. Os granates chegan como equipo menos goleado, con nove tantos recibidos (un tan só dende a chegada de Luisito) e os aurinegros despois de encaixar só catro máis (trece en total), pero coa circunstancia de que lonxe do Baltasar Pujales unicamente viron batida a súa portaría en dúas ocasións (Areas e Alondras fixéronlle un gol cada un, que lles serviu para alcanzar o triunfo), conseguindo vencer en campos tan complicados como o do Choco e Villalbés.
Será ademais un partido de reencontros para moitos xogadores que vestiron as dúas camisetas. O primeiro deles precisamente un dos responsables desa firmeza defensiva do cadro que dirixe Jorge Otero, o porteiro Sergio Ríos. Xunto a el están Iago Paz, Yahvé e Gabi Misa, xunto con Sestelo, que iniciou a tempada, pero que esta mesma semana causou baixa para recalar no Porriño. Outros cinco xogadores que visten actualmente a camisola granate fixérono antes no cadro vigués. Son os casos de Lloves, Benja, Pablo Carnero, Tubo e Campillo.
Os antecedentes entre ambos os dous equipos son claramente favorables aos granates, que dos seis partidos xogados nas tres últimas tempadas gañaron cinco e empatado un, precisamente en Pasarón. Iso si, en todos eles os marcadores foron por un mínimo 1-0, a excepción da tempada 2012/2013 que rematou cun 2-0. Claro que iso non son máis que estatísticas que pouco significan, salvo quizais unha maior motivación para os visitantes, que chegarán dispostos a cambiar a súa sorte.
Da dirección do partido encargarase o colexiado Héctor Castiñeira Blanco (A Coruña), auxiliado nas bandas por Marcos Ordóñez Rodríguez e Pablo Miguel Patricio Blanco.
Luisito ten só a baixa de Fran Fandiño e convocou a todos os xogadores
Luisito, que recupera a Mouriño tras cumprir sanción, e a Campillo, superada a súa lesión, ten unicamente a baixa de Fran Fandiño, o que por primeira vez en varias xornadas obrigouno a realizar descartes.
Non obstante, tras o último adestramento semanal realizado na tarde do venres na Xunqueira, o técnico optou por deixar para minutos antes do partido a decisión sobre os dous xogadores que deben quedar na bancada, convocando os 18 dispoñibles.