Pontevedra aposta polo BTT cun calendario anual de catro probas

Pontevedra
12 de febreiro 2015

A segunda edición da Ruta BTT Cidade de Pontevedra inaugurará este calendario o día 29 de marzo. Tamén se inclúen a 4 Picos Bike & Trail, a 12 horas Non Stop e unha das citas da Liga Galega de BTT Orientación 

Presentación do calendario de probas de BTT en Pontevedra para 2015 PontevedraViva

"Empezamos a darlle á bicicleta a importancia que ten". Así se expresou o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Agustín Fernández, tras presentar nun mesmo calendario as probas de BTT que se disputarán na cidade ao longo de 2015.

A Roda do Demo, o Club Ciclista Farto e o Club Motañeiros A Roelo únense para promover conxuntamente os eventos que comezaron a organizar nos últimos anos relacionados coa bicicleta de montaña.

Desta forma a primeira cita do ano será a segunda edición da 'Ruta BTT Cidade de Pontevedra',que se celebrará o domingo 29 de marzo con saída e chegada na Avenida Monteiro Ríos e ascensión principal ao Lago de Castiñeiras.

A inscrición para esta ruta abrirase o 16 de febreiro ata o día 24 de marzo cun prezo de 6 euros, esperando superar o milleiro de participantes que deberán afrontar 45 quilómetros de percorrido de dificultade media coa opción de acurtar a ruta ata os 35 quilómetros.

A segunda proba do calendario será a 'Pontevedra 4 Picos Bike & Trail', que aglutina BTT e Trail de montaña. Terá lugar o 19 de abril cunha participación que se espera supere tamén a cifra de 1.000 deportistas. Polo momento son preto de 600 os confirmados nas diferentes disciplinas e modalidades ofertadas.

Tras ela chegará a 'Pontevedra 12 horas Non Stop' na súa segunda edición, prevista para o día 3 de outubro nos arredores do encoro de Pontillón do Castro, Verducido.

Por último pechará o calendario o 14 de novembro unha das probas da Liga Galega de BTT Orientación, para a que o club Montañeiros A Roelo ofrece formación na disciplina coa intención de que os afeccionados á bicicleta de montaña proben unha modalidade deportiva menos coñecida.