Pontevedra acollerá en marzo a fase final da Europa Cup de waterpolo feminino

Pontevedra
13 de decembro 2017

A piscina olímpica de Ponte Muíños acollerá a fase final da nova competición de seleccións nacionais organizada pola Liga Europea de Natación (LEN), na que se espera estea o combinado español, actual subcampión do mundo

Selección Española de waterpolo RFEN

A Liga Europea de Natación (LEN) concedeu a Pontevedra a organización da fase final da Europa Cup de waterpolo feminino, evento de seleccións nacionais que se disputará na piscina olímpica de Ponte Muíños entre o 22 e o 24 de marzo.

Así o confirmou a PontevedraViva a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, a falta só de que se produza a firma oficial. "Neso estabamos traballando co presidente da Federación Española, levábamos un tempo e pechouse hai unha semana", explicou a edil.

O importante apoio recibido tanto por parte da Federación Galega como da Española resultou clave para obter a designación, nun campionato de nova creación que contará na súa estrea con 10 seleccións nacionais, das que 6 xogarán polo título en Pontevedra.

Anxos Riveiro: "Ter aquí ás mellores case de Europa creo que para nós como cidade é un orgullo"

Entre elas agárdase que estea a Selección Española, actual subcampioa do Mundo, poñendo a guinda a un evento que pretende supoñer un respaldo ao traballo de desenvolvemento de todo o waterpolo galego.

"Ter aquí ás mellores case de Europa creo que para nós como cidade é un orgullo e logo para o deporte en si mesmo creo que tamén vai a ser importante", recoñece Anxos Riveiro.

A Europa Cup feminina contará cunha primeira fase de competición, prevista para os primeiros días de febreiro, estruturada en dous grupos. No A quedaron encadradas Holanda, España, Rusia, Francia e Croacia e no grupo  B as seleccións de Israel, Grecia, Italia, Hungría e Alemaña. 

Os tres primeiros equipos de cada un dos grupos clasificaranse para a fase final, que converterá por uns días ao Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños no centro de atención do waterpolo mundial.