Pontemuíños xa vibra co Campionato de España Infantil de Natación

Pontevedra
25 de marzo 2018

A piscina olímpica pontevedresa viviu este domingo a primeira xornada do Campionato de España Infantil de Inverno de Natación, no que se dan cita máis de medio milleiro de nadadores e que se prolongará ata o vindeiro mércores 28 de marzo

Campionato de España Infantil de Natación de Inverno en Pontemuíños Diego Torrado

A actividade non cesa na piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuíños, onde tras a celebración da Europa Cup de waterpolo este domingo tomou a testemuña o Campionato de España Infantil de Natación de Inverno.

Baixo un gran ambiente, con cheo nas bancadas, a competición organizada polo Club Natación Galaico co apoio da Real Federación Española de Natación e o Concello levantou o pano cunha xornada que serviu para quentar motores.

Durante a tarde do domingo disputáronse só as probas de 1.500 libre masculina, 800 libre feminina e as remudas 4x100, pouco comparado co intenso programa competitivo previsto ata o vindeiro mércores 28 de marzo a ritmo de dobre sesión, mañá e tarde.

No Campionato de España Infantil compiten estes días 511 nadadores e nadadoras de 186 clubs de todo o territorio nacional.