Poio, nova sede de traballo na pretempada do Pontevedra

Pontevedra
09 de agosto 2022

Despois dunhas primeiras semanas de preparación que se desenvolveron principalmente en Xeve, ademais dalgunha sesión puntual en Pasarón, o club granate mudouse este martes ao campo municipal da Seca, en Poio, onde se exercitará durante toda a semana

Adestramento do Pontevedra en Poio PontevedraViva

Despois dunhas primeiras semanas de preparación que se desenvolveron principalmente en Xeve, ademais dalgunha sesión puntual no Estadio Municipal de Pasarón, o Pontevedra Club de Fútbol mudouse este martes a unha nova sede.

O primeiro plantel granate exercitouse no campo municipal da Seca, en Poio, escenario que foi habitualmente utilizado as últimas tempadas.

O campo da Seca gusta a futbolistas e corpo técnico polo bo estado do terreo de xogo pero tamén polas súas dimensións, moi parecidas ás de Pasarón.

Non é de estrañar por tanto que Poio se termine convertendo na sede habitual de preparación para o Pontevedra, tendo en conta que o estado do céspede de Pasarón desaconsella que se celebren adestramentos de maneira asidua para reservalo para os compromisos oficiais.

Polo momento o primeiro planten granate ten previsto exercitarse polo menos durante toda esta semana (xoves e venres) nas instalacións do municipio veciño.