Poio, Cuntis e Vilagarcía acollerán probas do "Depodesafío 2019"

Poio
20 de marzo 2019

A esixente competición deportiva, que abrirá este xoves o prazo de inscrición, volverá a contar con cinco probas en cinco concellos da provincia

Proba BTT do DepoDesafío en Cerdedo-Cotobade

A Deputación de Pontevedra pon en marcha a segunda edición do "DepoDesafío", cun formato no que se volverán a combinar varias disciplinas como a carreira a pé, o ciclismo BTT, a travesía a nado, o trail ou o tríatlon.

Tal e como informou este mércores a presidenta, Carmela Silva, esta segunda edición terá 5 probas, a primeira en maio e a última en outubro.

O día 4 de maio terá lugar unha carreira nocturna a pé de aproximadamente 15 quilómetros en Vilagarcía de Arousa; unha proba BTT de arredor de 35 quilómetros nas Neves o domingo 9 de xuño; unha travesía a nado en Poio de 1.500 metros o primeiro fin de semana de xullo; un trail en Cuntis de aproximadamente 15 quilómetros o primeiro fin de semana de setembro; e un tríatlon en distancia sprint en Vigo durante a primeira quincena de outubro.

Este mesmo xoves abrirase na web da Deputación de Pontevedra o prazo de inscrición para participar nesta competición.

Nesta edición 2019 poderán participar persoas maiores de 16 anos e cada proba terá un máximo de 500 participantes e novamente os gañadores da clasificación xeral serán obsequiados cun dorsal para participar na maratón de Berlín, o voo e o hotel, como conseguiron o ano pasado Ariana González e Brais Misa.

A persoa gañadora da clasificación xeral do "DepoDesafío 2019" será a que acumule máis puntos unha vez celebradas todas as probas, tendo en conta só os 4 mellores resultados máis o bono de 50 puntos por participar nas 5 probas.

No circuíto "DepoDesafío" só haberá categoría absoluta feminina e masculina.

Pola súa banda, nas probas individuais, amais da clasificación en categoría absoluta, establecerase unha clasificación en categoría sub-21 e unha en categoría veterana (40 anos ou máis). Outra das novidades deste ano é que sortearanse entre todos os participantes 2 paquetes da maratón Berlín e para os deportistas que rematen as 5 probas haberá un premio ‘finisher’.