Pleno de triunfos para o Waterpolo Pontevedra en Vigo

Pontevedra
19 de novembro 2019

O conxunto pontevedrés, que este sábado presentou oficialmente a todos os seus equipos ante na sede da Xunta en Benito Corbal, sumou os seus partidos por vitorias contra o RCN Vigo, incluídos os dos seus equipos absolutos masculino e feminino

Equipo feminino do Waterpolo Pontevedra Club Waterpolo Pontevedra

Mellor imposible para o Club Waterpolo Pontevedra. O conxunto lerezano viviu un sábado repleto de actividades que finalizou cun pleno de vitorias dos seus equipos nos partidos que lles enfrontaban ao RCN Vigo na cidade olívica.

A xornada iniciouse para os pontevedreses coa presentación oficial de todos os seus equipos, nun acto celebrado na sede da Xunta de Galicia na rúa Benito Corbal. Todo, nunha tempada na que volverán exceder a barreira dos 100 xogadores e xogadoras entre as diferentes categorías.

Despois chegaría o desprazamento a Vigo, onde estaban previstos choque dos dous equipos absolutos, tanto masculino como feminino, na División de Honra.

Por parte dos mozos, tratábase do seu segundo compromiso de liga e ante un equipo co que empataran na Supercopa, o que lles poñía sobre aviso. Así, os de Javi de Sáa marcaron distancias no inicio (0-3) pero os seus erros fixeron que o RCN Vigo chegase a poñerse por diante 5-4. Con todo o  Po9 ntevedra tirou de experiencia para chegar ao descanso 5-8 e aguantar o tirón nos dous últimos cuartos pechando unha importante vitoria por 10-12.

En canto ao equipo feminino, tratábase do seu debut esta tempada na liga, e foi un partido máis duro do que reflicte o marcador final (8-16) xa que non foron capaces de sentenciar ata os minutos finais.

O Waterpolo Pontevedra redondeou a xornada cos triunfos dos seus equipos alevín mixto e cadete mixto.