Pilotos e mecánicos achegarán o mundo dos rallies aos alumnos do CIFP A Xunqueira

Pontevedra
24 de maio 2023

O CIFP A Xunqueira organiza os días 30 e 31 de maio as II Xornadas FP Automoción, aproveitando a proximidade en datas do Rally de Pontevedra para achegar aos alumnos a realñidad e necesidades da competición 

IV Rally de Pontevedra Cristina Saiz

Por segundo ano consecutivo o CIFP A Xunqueira levará a cabo, os días 30 e 31 de maio, as Xornadas FP Automoción, organizadas polo departamento de transporte e mantemento de vehículos propulsados do centro formativo.

Aproveitando a proximidade en datas co Rally de Pontevedra, previsto para a primeira fin de semana do mes de xuño, a cita servirá precisamente para achegar ao alumnado a realidade e necesidades do mundo da competición a motor.

Así, co apoio da Federación Galega de Automobilismo (FGA), pilotos e mecánicos participarán en diferentes actividades abertas ao público.

Na primeira xornada, o martes 30, ás 12.15 horas está prevista unha charla coloquio con pilotos galegos de rallies, moderada polo representante de prensa da FGA Andrés Cachalvite, na que se profundará sobre as necesidades técnicas e profesionais que necesitan os equipos de competición. Todo iso aderezado con varios coches de competición no exterior do recinto para poder observalos de preto (13.30 horas).

Xa pola tarde (15.45 horas), desenvolverase unha mesa redonda sobre o papel das mulleres no mundo da automoción. Estará moderada pola profesora Marisa Quintairos e contará coas pilotos e copilotos Carla Vázquez, Andrea Barral, Vanesa Pérez, Mirian Beira e Xela Mariño, ademais da alumna de carrocería Fátima Rodríguez, e finalizará cunha exposición de vehículos drifting e de competición (17.00 horas).

No que respecta ao mércores 31 de maio terá lugar unha charla ás 12.05 horas Manuel Vidal coordinará unha charla de Miguel 'Mundo swap by kratzer' e Carla Vázquez E46 co preparador Martín Cousido Devesa de Spark Advanced SL sobre preparación de vehículos e modificacións precisas para drifting, mentres que ás 14.00 horas Manuel Vidal, Pablo Vila e Luís Carballido falarán sobre vehículos clásicos e motocicletas.

As xornadas concluirán a tarde do mércores cun coloquio sobre a preparación de motores para competición (15.30) con Óscar Rey López da empresa Pomoto e unha exposición de vehículos clásicos (16.45 horas).