Permitido o uso de piscinas e praias para a práctica deportiva na fase 2 de desescalada

Pontevedra
17 de maio 2020

No capítulo IX do Boletín Oficial do Estado (BOE) na súa publicación do sábado 16 de maio, especifícase como serán as "condicións nas que debe desenvolverse a actividade deportiva" a partir do luns 25 de maio, no caso de que Pontevedra pase de fase

Bautismos de surf na Lanzada Deputación de Pontevedra

No capítulo IX do Boletín Oficial do Estado (BOE) na súa publicación do sábado 16 de maio, especifícase como serán as "condicións nas que debe desenvolverse a actividade deportiva" a partir do luns 25 de maio, no caso de que Pontevedra pase de fase.

Dentro deste apartado, e concretamente nos seus artigos 42 e 43, explícase como será a apertura das instalacións deportivas cubertas e das piscinas para uso deportivo, respectivamente.

En canto ás instalacións deportivas cubertas, poderá acceder a elas "calquera persoa que desexe realizar unha práctica deportiva, incluídos os deportistas de alto nivel, de alto rendemento, profesionais, federados, árbitros ou xuíces e persoal técnico federativo".

Pola súa banda, ás piscinas de uso deportivo poderá acceder calquera persoa (con cita previa), pero os deportistas integrados, a través da súa correspondente licenza, terán preferencia para a práctica de natación, salvamento, socorrismo, tríatlon, pentatlón moderno e actividades subacuáticas.

Para ambos os artigos recóllense as mesmas condicións: poderán acceder máximo dúas persoas no caso de modalidades así practicadas, sen contacto físico e mantendo a distancia social de dous metros. Os deportistas poderán acceder cun adestrador no caso de que resulte necesario (acreditándoo previamente), así como as persoas con discapacidade e menores que requiran a presenza dun acompañante.

Teranse que organizar quendas horarias fóra dos cales non se poderá permanecer na instalación, respectarase o límite do trinta por cento de capacidade de aforo, e os vestiarios poderán utilizarse respectando as medidas de prevención e hixiene.

Liberdade de circulación

Tal e como recolle o BOE no seu artigo 7, "poderase circular pola provincia, illa ou unidade territorial de referencia a efectos do proceso de desescalada, sen prexuízo das excepcións que xustifiquen o desprazamento a outra parte do territorio nacional por motivos sanitarios, laborais, profesionais ou empresariais, de retorno ao lugar de residencia familiar, asistencia e coidado de maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, causa de forza maior ou situación de necesidade ou calquera outra de análoga natureza".

As persoas de ata 70 anos poderán realizar a actividade física non profesional en calquera franxa horaria fóra da comprendida entre as 10:00 horas e as 12:00 horas e entre as 19:00 horas e as 20:00 horas, que queda reservada aos maiores de 70 anos. 

Desta maneira, os deportistas non federados poderán realizar adestramentos de forma individual, en espazos ao aire libre, dúas veces ao día, entre as 6:00 horas e as 10:00 horas e entre as 20:00 horas e as 23:00 horas, e dentro dos límites da provincia na que teñan a súa residencia.

Estas franxas horarias poderán variar en función do que decida cada comunidade autónoma, respectando en todo momento as medidas de seguridade e hixiene establecidas. Así mesmo, en caso de querer saír en grupo, estes deberán ser de máximo quince persoas, excepto no caso de persoas conviventes.

Pesca deportiva e recreativa e uso das praias

No seu artigo 49, o BOE recolle que a pesca deportiva e recreativa "queda permitida en todas as súas modalidades sempre que se respecte a distancia de seguridade e as medidas de hixiene e prevención fixadas polas autoridades sanitarias."

Pola súa banda, permítese a práctica de actividades profesionais ou de recreo nas praias, tal e como se recolle no artigo 46. Desta maneira, os surfeiros poderán desenvolver a súa actividade de maneira individual e sen contacto físico, permitindo manter unha distancia mínima de dous metros entre os participantes.