Último reto do ano 2024 no Pontevedra Club de Fútbol, que quere marchar de vacacións como líder do seu grupo na Segunda RFEF.
Para iso, sen mirar ao que suceda noutros campos, os granates deberán rascar como mínimo un empate no feudo do Real Ávila (sábado, 17.00 horas), terceiro clasificado.
"Imos nun momento bo e queremos acabar 2024 sumando de tres", afirmou este venres o adestrador do Pontevedra, Yago Iglesias.
O técnico recoñece que ademais do rival preocúpalle o frío que poden atoparse en Ávila, cunha previsión que fala de 8 graos de máxima durante a xornada e 0 graos de temperatura mínima.
"Plantexaremos o partido cun once inicial que nós creamos que é o máis axeitado para o contexto, e cando falo contexto falo de equipo, de terreo de xogo e de climatoloxía", e é que "sobre todo a nivel de frío non estamos afeitos a iso", asegura.
En todo caso "non vai ser impedimento", sinalou Yago en rolda de prensa sen querer escudarse nesa circunstancia.
En canto ao rival, o recentemente ascendido Real Ávila, oposita a gran revelación do campionato pola súa gran primeira volta, que lle levou até os postos de play-off a pesar de terse deixado puntos nas tres últimas xornadas.
"Mantén un corpo técnico, moitos xogadores, ten unha base moi feita e consolidada da tempada pasada en Terceira, que conseguiron ascender directamente ante un rival moi forte no seu grupo como é o Salamanca. Están a facer as cousas moi ben, a clasificación así o reflicte, e sobre todo, o que digo sempre, cando os analizas ves que a todos os rivais contra os que se enfrontaron púxolles as cousas moi difíciles", analiza.
En canto ao liderado, Iglesias opina que "é anecdótico", pero principalmente "a nivel anímico é unha recompensa" que pode servir ao plantel granate para "interiorizar e entender que se están a facer as cousas ben e que este é o camiño".