Pelexado triunfo do Marín Futsal fronte ao Rodiles asturiano na Copa da Raíña (5-8)

Marín
12 de outubro 2023

O conxunto marinense meteuse nos oitavos de final da Copa da Raíña tras vencer este xoves na eliminatoria que lle enfrontaba ao Rodiles, equipo da Segunda División

Partido de liga entre Marín Futsal e Leganés na Raña

O soño de meterse por terceiro ano consecutivo na final a oito da Copa da Raíña segue vivo para o Marín Futsal.

O conxunto marinense superou este xoves a elminatoria de 1/16 de final do Torneo do K.O. e xa está a só unha rolda da fase final, aínda que iso si tivo que suar o seu pase.

Ata a localidade asturiana de Villaviciosa desprazouse o equipo adestrado por Ramiro Díaz para medirse ao Rodiles FSF, equipo da Segunda División que soñou con dar a badalada en varias fases do encontro.

Foi o Marín o que levou a iniciativa do marcador nun inicio fulgurante cun rápido dobrete de Ana Cunha, no minuto 3, pero as locais non se desanimaron e pasado o ecuador do primeiro acto xa igualaran o marcador. Fixérono tamén para chegar ao descanso con 3-3 neutralizando o terceiro tanto de Ana Cunha.

A brasileira estaba en estado de graza, e tras o paso por vestiarios volvía ver porta en dúas ocasións consecutivas poñendo o 3-5 no electrónico no minuto 21. Podía paracer que aí se ía a terminar a resistencia astuariana, pero nun calco do sucedido na primeira metade volvían facer dano á defensa marinense chegando a empatar 5-5 aos 29 minutos.

O pase estaba no aire, pero o Rodiles non chegou a completar a remontada e o final de partido fíxoselle longo, momento no que o Marín Futsal terminou por sentenciar con goles de María Estévez, Café e Débora Lavrador para o definitivo 5-8.