Peche ao Campionato Galego de Montaña na sétima Subida a Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
05 de setembro 2024
Actualizado: 16:41

Un total de 86 pilotos inscribíronse na sétima edición da subida, que se celebrará o sábado 7 e domingo 8 de setembro

Presentación da VII Subida a Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

O Campionato Galego de Montaña baixa o pano coa Subida a Ponte Caldelas.

A proba automvilística, na súa sétima edición, chega como última cita puntuable do calendario pero cos títulos decididos.

Non estará o líder da xeral Jacobo Senín (200 puntos), gañador de cinco das seis subidas disputadas esta tempada no Campionato, pero si Alexis Viéitez ao volante da súa Fórmula Celtic-Dicode.

Na categoría de carrozados chega pola súa banda co título no peto Jorge Pérez (195 puntos) co seu Porsche 911 GT3. A baixa en Ponte Caldelas do seu principal perseguidor, Javier Carballo (182 puntos) fai que Manuel Senra (162 puntos) co seu Peugeot 308 TCR apareza como principal rival.

En total participarán na VII Subida a Ponte Caldelas 86 pilotos, unha proba que contará con catro mangas oficiais cronometradas ao tramo de competición de 4 quilómetros con saída desde a Avenida de Vigo para percorrer as estradas PO-244 e EP-0201 ata Anceu. As dúas primeiras pasadas están previstas o sábado 7 de setembro tras a presentación dos pilotos e coches na Alameda a partir das 13.30 horas (primeiro cunha pasada de adestramento), mentres que o domingo día 8 a competición completarase a partir das 9.30 horas da mañá.