Chega o momento da verdade para Pontevedra Club de Fútbol e CD Numancia, na súa pelexa polo primeiro posto e por tanto pola única praza de ascenso directo.
Só un punto separa a ambos os dous equipos antes de recuperar o duelo aprazado no seu día polo mal tempo e que se disputará este mércores 19 de marzo no Estadio Municipal de Pasarón a partir das 20.30 horas.
O equipo que gañe sairá moi reforzado de cara ao tramo final, e calquera detalle pode ser importante.
Sábeno ben nos dous bandos e por iso o Numancia e a súa afección fixeron un esforzo para que haxa representación de afeccionados sorianos no estadio pontevedrés.
A pesar da data, entre semana, o Numancia confirmou que sae adiante a viaxe organizada en autocar para os seus seguidores a pesar de que, este luns, aínda non se tiña chegado ao número de prazas mínimas marcadas para manter o desprazamento colectivo.
Confirma a entidade numantina a inscrición 40 dos seus seguidores, aínda que mantendo aberta a posibilidade de novas incorporacións até encher as 55 prazas dispoñibles.
Pero non só o rival dos granates mira cara á bancada, tamén o fai o Pontevedra Club de Fútbol esperando contar co maior apoio posible.
'En Pasarón xogamos todos', asegurou este luns a través das súas redes sociais a entidade pontevedresa mandando unha mensaxe á súa afección: "Necesitámosvos máis que nunca. As bancadas de Pasarón teñen que vibrar de emoción" e "ser un inferno" para o rival.
Nótase que o obxectivo do ano, o ascenso a Primeira RFEF, está en xogo.