Pasarón renderá homenaxe "a todos os falecidos da familia granate"

Pontevedra
04 de novembro 2023

Con motivo do Día de Todos os Santos, nos prolegómenos do partido entre Pontevedra e Rayo Cantabria, o club granate en colaboración da empresa San Marcos realizará un acto en recordo de socios, afeccionados, xogadores, técnicos, empregados, presidentes, directivos, colaboradores e patrocinadores falecidos

Estadio Municipal de Pasarón Mónica Patxot

Con motivo do recente Día de Todos os Santos, celebrado o pasado 1 de novembro, o Pontevedra Club de Fútbol renderá homenaxe o vindeiro domingo nos prolegómenos do seu partido de liga fronte ao Rayo Cantabria a todos os falecidos da familia granate.

Trátase dun acto organizado en colaboración da empresa San Marcos en recordo de "socios, afeccionados, xogadores, técnicos, empregados, presidentes, directivos, colaboradores e patrocinadores que ao longo dos 82 anos de historia formaron parte do Pontevedra Club de Fútbol", sinala a entidade.

En concreto, a homenaxe consistirá nunha ofrenda sobre o terreo de xogo cun escudo do club feito de flores.

Ademais, tamén desde o terreo de xogo, a violinista Miriam Buceta Vidal e a pianista Andrea García González interpretarán o himno da entidade.