O Pontevedra Club de Fútbol será equipo de Primeira RFEF a próxima tempada, aínda que o seu ascenso non poida ser aínda oficial. A derrota do Unión Adarve en Luanco, unido ao empate dos granates, déixalles líderes a falta dunha xornada con 3 puntos de vantaxe e 15 goles no diferencial ao seu favor que decide en caso de empate, deixando nunha quimera o 'sorpasso' madrileño
Pasarón lucía o seu mellor aspecto en anos, con preto de 9.000 espectadores nas bancadas, e os ánimos deron forza aos xogadores granates, que saíron cunha marcha máis que o seu rival para adiantarse no seu primeiro achegamento. Oier Calvillo lanzaba unha rápida transición polo costado destro, apoiábase á caída de Rufo e o dianteiro poñía un centro pasado ao segundo pau que Álex González, cun remate acrobático adiantábase ao seu defensa, convertía no 1-0.
Puido mesmo conseguir o segundo o cadro local, de novo por medio do seu capitán, pero o seu disparo desde o centro do campo co porteiro descolocado non atopou arco por moi pouco.
Aos poucos o Salamanca, que se xogaba a vida en Pasarón na súa loita pola permanencia, empezou a desperezarse do dominio pontevedrés, e aos 7 minutos empezou a asomar pola área defendida por Pablo Cacharrón. Foi en en chute de Amaro que toca lixeiramente un compañeiro ao que respondía con seguridade o gardameta. Pouco despois tentábao Manín nun remate de cabeza que se lle marchaba alto.
Consciente de que o conxunto charro necesitaba abrirse e expoñerse, os de Ángel Rodríguez deron un paso atrás para coller osíxeno e esperar a súa oportunidade de volver golpear. Estiveron preto de feito nun golpeo de Brais Abelenda desde a media lúa que saíu centrado, e nun remate de cabeza de Soto á saída dun córner, pero non houbo acerto e o Salamanca aos poucos empezouse a sentir máis cómodo coa posesión.
Aínda así a mellor ocasión volveu ser granate, cun potente remate de cabeza de Churre a unha falta lateral sacada por Yelko que atopaba unha espectacular parada de Salcedo, respostando o cadro visitante coa súa opción máis clara do primeiro acto. Foi tras un lanzamento desde a esquina despexado pola defensa en primeira instancia que quedou solto na área. Parecía unha acción calcada á que supuxo o gol do Ceares a anterior xornada, pero milagrosamente o coiro foise a córner.
Así se chegou ao descanso, empezando o segundo tempo con sobresalto en forma de lesión para o Pontevedra. Seoane resentíase dos seus problemas musculares e pedía o cambio. Ademais o colexiado perdoáballe a segunda amarela ao central Arencibía tras unha clara agarrada a Álex González que supuxese a súa segunda amoestación.
A atención estaba tanto no céspede como no transistor, pendente a bancada do que ocorría no partido do Unión Adarve. Tanto é así que celebrou como propio o tanto do Marino de Luanco, toda unha explosión de alegría que se trasladou ao banco e case tamén ao céspede. O ascenso estaba máis preto que nunca.
Con todo a resposta ao que sucedía en Luanco chegou en forma de empate para o Salamanca, atopando premio a un dominio que cada vez era maior. Telles enganchaba un potente disparo coa zurda desde fóra da área que, a pesar de tocar Cacharrón, metíase no fondo da rede.
Tocaba seguir sufrindo, e o peor de todo chegaba en forma dunha nova lesión, esta vez de Rufo, que se tiña que retirar rengueante. Entraba Romay no seu lugar ante a asuencia de Charles por sanción.
Con todo o aire o partido igualouse tamén en forzas. Cada balón pelexábase coma se fose o último, levando a batalla á zona medular. O resultado en Luanco acompañaba cun segundo tanto do Marino, pero faltaba a guinda para que o ascenso fose matemático e non virtual (pendente da diferenza de goles xeral), e a por iso lanzouse o Pontevedra, que no minuto 77 gozou dunha dobre ocasión moi clara, primeiro nun remate de Brais a centro de Rubio desde a dereita, atopando unha boa parada do seteiro visitante, e na continuación cun cabezazo de Romay que se marchou desviado por centímetros.
Caían os minutos e cada vez a tensión era maior. Cada acción podía resultar decisiva. Non fixo falta máis en todo caso que non encaixar, porque o ascenso estaba no peto coa derrota do Unión Adarve, e Pasarón estalou de xúbilo para festexar ao grande o seu merecido ascenso á Primeira RFEF. Só unha hecamtombe en forma de derrota estrepitosa e goleada aínda maior do Adarve na última xornada impediríao. Un imposible con 15 goles de colchón.
PONTEVEDRA CF (1): Cacharró, Seoane (Rubio, min.48), David Soto, Churre, Samu Araújo, Miguel Román (Javi Rey, min.79), Yelko Pino, Álex González, Oier Calvillo, Brais Abelenda, Rufo (Romay, min.64).
SALAMANCA CF UDS (1): Salcedo, Kristian, Arencibía, Murúa, Telles (Willy, min.86), Amaro, Diego Benito, Gustavo (Mikel Bueno, min.80), Álex Menéndez, Iban Ribeiro (Luis Martínez, min.80), Manín (Juancho, min.60).
Árbitro: Leandro Carbajales Gómez, auxiliado por Estrada Rodríguez e Gutiérrez Sánchez (Asturias). Amoestou a Samu Araújo no Pontevedra e a Arencibía, Kristian e Juancho no Salamanca. Expulsou por vermella directa a Diego Benito nos visitantes (min.90).
Goles: 1-0 Álex González (min.1); 1-1 Telles (min.54).
Incidencias: Partido da xornada 33 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra ante preto de 9.000 espectadores.