Papeleta complicada para un necesitado Teucro e nova defensa de liderado para o Cisne

Pontevedra
12 de novembro 2021

Os azuis, pechacancelas da División de Honra Prata, reciben este sábado (20.00 horas) no Municipal o segundo da táboa, o Alcobendas, mentres que o Cisne visita a cancha do Zamora

Derbi de División Honra Prata entre Teucro e Cisne no Pavillón Municipal Mónica Patxot

Tras unha semana de parón pola concentración das seleccións nacionais, regresa a actividade á División de Honra Prata de balonmán cunha sexta xornada importante para os equipos pontevedreses.

Na casa xoga a Sociedad Deportiva Teucro (sábado, 20.00 horas no Pavillón Municipal dos Deportes) necesitado dunha alegría tras non estrear aínda o seu marcador de puntos. Os azuis terán a un duro rival diante como é o actual segundo clasificado, o BM Alcobendas.

"O equipo esta traballando moi ben para reverter a dinámica e empezar a gañar en sensacións positivas, estabilizar o noso xogo, tanto en ataque como en defensa", defende a adestradora teucrista, Irene Vilaboa.

Ademais da ausencia de Miguel Sío, lesionado de longa duración, o vicedecano tampouco poderá contar esta xornada co porteiro Killian Ramírez, na fase final da súa recuperación.

O CISNE VISITA A CANCHA DO ZAMORA

En situación oposta segue un Club Cisne Balonmán consolidado como líder invicto do grupo e que poñerá en xogo esa condición este sábado (20.00 horas) na pista do Balonmano Zamora.

"Sempre é complicado o Zamora, é un equipo que alí aperta moitísimo", avanza o segundo adestrador cisneísta, Quiños, sen fiarse un pelo do que di a clasificación, e é o cadro castelán-leonés é penúltimo con 3 puntos pero "perdeu tres partidos por un gol", sinala o técnico en relación ás tres derrotas que sufriu.

Por todo iso ao Cisne espéralle "un partido no que temos que ter paciencia, porque o seu 6-0 é duro e custa atopar espazos", pero no que esperan seguir sumando para prolongar no posible o seu gran inicio de tempada.