Paliza do Peixe ao Cantabria, un dos pesos pesados da categoría (52-91)

Marín
02 de febreiro 2019

Dous aspectos destacaron no partido: por un lado, a gran superioridade dos pontevedreses durante os 40 minutos e, pola outra, o bo debut do estadounidense Randy Onwuasor

Partido entre Marín Peixe Galego e Igualatorio Cantabria Diego Torrado

Duelo de titáns o que se viviu esta fin de semana no Palacio dos Deportes de Santander entre o Igualatorio Cantabria e o Peixe Galego. Coa vitoria, os galegos afiánzanse entre os seis primeiros da táboa, a falta de dúas xornadas para o comezo da segunda fase (a de ascenso).

Pola súa banda, os locais, que xa gozaban da comodidade da segunda posición, aspiraban a chegar aínda máis alto. Puideron quedarse na casa os dous puntos, pero, finalmente, trouxéronos os de Llorente a Marín.

A destacar dous aspectos do partido: por unha banda, a gran superioridade dos pontevedreses, que foron quen de gañar todos os parciais do choque. Polo outro, o bo debut do xogador estadounidense Randy Onwuasor (11 puntos).

No primeiro cuarto, a principal diferenza estivo no acerto cara a canastra, aínda sendo o de ambos os equipos bastante inferior ao habitual. Por parte do Cantabria, unha porcentaxe de efectividade do 23% (4/19), e pola dos visitantes, un 45% (9/20).

No segundo, a diferenza foi lixeiramente inferior. A pesar diso, e aínda cunha pequena melloría do cadro local (a nivel anotador), o resultado do mesmo volveu ser favorable para o Peixe. Este adquiriría unha vantaxe no  electrónimo moi importante e difícil de remontar nos últimos 20 minutos (24-41).

A segunda parte, exactamente igual. Os cántabros foron incapaces de frear a Badmus e a Gregory (19 puntos cada un). Ademais, no referente ao plano defensivo, ambos os xogadores tamén foron, unha xornada máis, determinantes (entre os dous sumaron 18 rebotes). Finalmente, un último cuarto arrollador para os visitantes (10-27) pecharía un encontro inmellorable para os galegos (52-91).

A próxima semana, no penúltimo partido da primeira fase de liga, o Peixe recibirá na Raña ao Saskibaloi para disputar outro duelo de altura que determinará, despois da última vitoria, se os marinenses loitarán polo ascenso ou por salvar a categoría a partir de mediados do mes de febreiro.

Consulta as estatísticas do Igualatorio Cantabria-Peixe Galego.