Pablo Porrúa, cuarta incorporación do Arosa: "Neste momento non hai mellor lugar para crecer"

O Salnés
12 de xullo 2021

O novo futbolista foi presentado este luns como novo xogador do Arosa, ao que chega procedente do Club Deportivo Estradense

Pablo Porrúa, na súa presentación como xogador do Arosa Arosa SC

A semana comezou con nova fichaxe no Arosa, a cuarta neste mercado estival pensando na próxima campaña na Segunda RFEF.

A nova incorporación é Pablo Porrúa, futbolista sub-23 natural de Bertamiráns que procede do Club Deportivo Estradense, no que militou as dúas últimas tempadas, tras pasar en categoría xuvenil polo RC Deportivo e estrearse en idade sénior no filial do Lugo, o Polvorín.

Trátase dun xogador que pode actuar tanto na mediapunta como nunha das dúas bandas, aínda que "prefiro xogar por dentro", explicou na súa presentación.

"Son unha persoa que quere crecer e creo que neste momento non hai mellor lugar para crecer", defendeu Porrúa asegurando que "creo que lle podo aportar moito a este Arosa", do que enxalzou á súa "afección, o clube que non deixa de ser un históricio, o campo...".

A entidade arlequinada xa tentou a súa incorporación o pasado ano, pero foi nesta ocasión co seu salto de categoría cando puido materializarse a operación.

Pablo Porrúa é a 12ª peza confirmada para o novo proxecto arosista xunto aos fichados Luis Nuño, Luismi e Diego Diz e os renovados Álex Cobo, Pedro Beda, Manu Táboas, Mon, Jorge Fajardo, Ross, Julio Rey e Sidibé.