Pablo Otero e Sara Castillo, os máis rápidos no Medio Maratón de Pontevedra

Pontevedra
20 de outubro 2024
Actualizado: 23 de outubro

Na proba de 10 quilómetros os vencedores foron Pablo Ulla e Ester Navarrete. A pesar do mal tempo, máis de 1.600 corredores desafiaron a choiva para participar nesta festa do deporte

XXIX Medio Maratón de Pontevedra

Pontevedra converteuse este domingo na capital do running galego, acollendo a XXIX edición do seu Medio Maratón.

A pesar do mal tempo, máis de 1.600 corredores desafiaron a choiva para participar nesta festa do deporte xa consolidada no calendario de moitos atletas.

Na carreira raíña, a dos 21,1 quilómetros, o primeiro dos 1.041 participantes en cruzar a liña de meta foi Pablo Otero, que se alzou coa vitoria tras unha carreira de infarto, parando o cronómetro en 1:07:12. Moi preto del, Francisco Cabrera completou o percorrido en 1:07:16, mentres que Anxo Castro fíxoo en 1:07:29.

Na categoría feminina, Sara Castillo dominou a proba, finalizando cun tempo de 1:22:38. Seguíronlle Natalia García (1:24:56) e Sonia Abad (1:24:57), segunda e terceira, respectivamente.

Na proba de 10 quilómetros, pola súa banda, competiron preto de 500 deportistas dos que saíu vencedor Pablo Ulla (33:26), seguido de Pepe Sánchez (00:33:42) e Diego Paz (00:34:07).

En categoría feminina, a vitoria foi para a maratoniana viguesa Ester Navarrete, que demostrou a súa superioridade cruzando a meta en 35:12. Segunda chegou Mariña Mullunesh (00:40:17) e terceira, Marina Losada (00:43:11).