Pablo Dapena reponse "á peor natación da miña vida" e unha cambra para asinar un top 20 no PTO de Canada

Pontevedra
26 de xullo 2022

O triatleta pontevedrés terminou a proba na que participaron as principais figuras mundiais deste deporte nunha meritoria décimo sexta posición

Pablo Dapena no PTO de Canadá Professional Triathletes Organisation (PTO)

Pablo Dapena terminou a súa participación no PTO de Canadá nun meritorio décimo sexto posto. O pontevedrés estivo lonxe da loita polas medallas pero foi capaz de competir de cara a cara coas principais figuras mundiais deste deporte e sobrepoñerse aos danos que a aerolínea provocara días antes na súa bicicleta durante a viaxe en avión.

As súas últimas grandes actuacións no Challenge Gdansk e no Europeo Ironman 70.3 de Elsinore, fixéronlle merecedor do pasaporte a unha singular competición na que compartiu liña de saída con rivais da talla dos noruegueses Kristian Blummenfelt e Gustav Iden, o canadense Lionel Sanders ou o xermano Patrick Lange.

A proba consistiu nun primeiro tramo de natación de 2.000 metros, para seguir co segmento de 80 quilómetros en bicicleta e terminar con 18 quilómetros de carreira a pé.

"Vaia día onte, difícil de explicar!", compartiu un satisfeito Dapena nas súas redes sociais para resumir a súa participación no PTO de Edmonton ao que chegou despois dun par de semanas enfermo e no que aspiraba a clasificar entre os vinte mellores. 

"A natación foi un desastre, a peor da miña vida", engadiu o deportista na súa publicación sen ser capaz de atopar unha explicación nun segmento do que saíu en vixésimo terceira posición e cunha diferenza próxima aos dous minutos cos principais especialistas desta disciplina. 

Na parte ciclista, despois de rodar só boa parte do percorrido, Dapena logrou conectar co grupo e chegar con eles á última transición. Con todo, unha cambra no cuádriceps ao comezo do tramo a pé volveu penalizar ao pontevedrés que, finalmente, conseguiu "salvar unha situación moi complicada desde a natación", rematou.