Pablo Dapena renova co equipo BMC: "Non me esperaba poder estar catro anos neste equipo"

Pontevedra
15 de decembro 2022

O triatleta pontevedrés competirá por cuarta tempada defendendo as cores dun dos equipos profesionais máis potentes do mundo do tríatlon. "É sinónimo de que as cousas se están facendo ben", asegura agradecido pola confianza recibida

Pablo Dapena no XX Trofeo Ciudad de Pontevedra de tríatlon Mónica Patxot

Cando en 2018 Pablo Dapena pasaba a formar parte do BMC Pro Triathlon Team, un dos equipos profesionais máis importantes do mundo do tríatlon, non se imaxinaba que en 2023 seguiría defendendo as súas cores.

É o que pasará a próxima tempada, e é que a escuadra belga confirmou o triatleta pontevedrés na súa aliñación de deportistas para 2023.

"Vou camiño do cuarto ano e estou bastante contento por ter unha continuidade que non me esperaba", asegura Dapena a PontevedraViva agradecido pola confianza depositada nel.

"Non mo esperaba non por resultados, pero o día que asinei por primeira vez non me esperaba que puidese estar catro anos neste equipo, é sinónimo de que as cousas se están facendo ben", explica o campión mundial de tríatlon de longa distancia.

Esta noticia chega nuns días nos que Pablo Dapena está a empezar a rodarse cos seus primeiros adestramentos de pretempada e pensando nun curso que ao contrario do "caótico" de parte de 2022 "parece que estamos a empezar ben. Oxalá podamos mellorar os resultados do ano pasado".

Será ademais a segunda tempada na que contará co neozelandés Dan Plews como adestrador, e na que seguirá centrado en disputar algunhas das mellores probas do calendario internacional de media e longa distancia.

Completan o plantel do BMC os daneses Kristian Høgenhaug e Thor Bendix, o australiano Max Neumann, o sueco Patrick Nilsson, o norteamericano Chris Leiferman e a británica Lucy Buckingham.