Pablo Dapena pecha o ano como cuarto clasificado no World Bonus da franquía Challenge

Pontevedra
07 de decembro 2021

O triatleta pontevedrés, que pelexaba polo primeiro posto cando por culpa das lesións tivo que renunciar ás últimas citas da tempada, embólsase con esta posición 8.000 dólares de premio

Pablo Dapena no XX Trofeo Ciudad de Pontevedra de tríatlon Mónica Patxot

Pelexaba polo primeiro posto e o bonus de 30.000 dólares cando as lesións o deixaron sen poder competir nas últimas carreiras da tempada.

Pablo Dapena pechou finalmente o ano no cuarto posto do ranking World  Bonus que outorga a franquía Challenge ao mellor deportista do curso, tras a disputa a fin de semana en Daytona, Estados Unidos, do seu último evento puntuable.

O pontevedrés, que era segundo con 1.000 puntos no momento no que os problemas físicos obrigáronlle a parar, viuse finalmente superado por Patrick Lange (1.325 puntos), Magnus Ditlev (1.080 puntos) e Frederic Funk (1.050 puntos).

A pesar da perda de posicións o lugar outorgalle un bonus de 8.000 dólares de premio, aínda que lonxe dos 30.000 do gañador, os 20.000 do segundo e os 14.000 dólares do terceiro clasificado.

Dapena xa gañara este ranking no ano 2018, aínda que naquela ocasión compartindo premio con Sebastian Kienle.

Pola súa banda en categoría feminina a vencedora do ranking foi a alemá Anne Haug.

Tras anunciar que poñía fin á súa tempada a comezos de outubro e despois un período de descanso e recuperación, Pablo Dapena afronta agora os primeiros pasos dunha nova pretempada co obxectivo de chegar en perfectas condicións físicas ás primeiras competicións de 2022.