Pablo Dapena pecha a tempada cun segundo posto no Ibiza Half Triathlon

Pontevedra
23 de outubro 2022

Pablo Dapena, vestindo as cores do Triathlón Rías Baixas, deixou a mala sorte ao carón e fíxose cun segundo posto no Ibiza Half Triathlon, a última proba puntuable para a Copa de España de media e longa distancia

Pablo Dapena, no PTO US Open en Dallas Professional Triathletes Organisation (PTO)

Pablo Dapena, vestindo as cores do Triathlón Rías Baixas, deixou a mala sorte ao carón e fíxose cun segundo posto no Ibiza Half Triathlon, a última proba puntuable para a Copa de España de media e longa distancia.

Foi unha mañá de moita calor na illa e cunha temperatura da auga moi boa que permitiu aos triatletas nadar sen neopreno.

Ao redor das 8:00 deu comezo a proba e, tras 25 minutos dentro da auga, saíron os primeiros deportistas. Liderados por Guillem Vermellas e Carlos López en 25:15, Baledellou, Pablo Dapena e Nick Kastelein acompañáronos no grupo de cabeza.

No tramo ciclista de 90 quilómetros, o pontevedrés e Kastelein tomaron a primeira vantaxe alternándose o liderado e abrindo oco cos seguidores fóra de Roger Manyà, que foi remontando postos para, a falta de 8 quilómetros, atoparse coa cabeza de carreira e baixarse primeiro na T2.

Pero Pablo Dapena, unha vez superou a proba en bicicleta, afrontou os 21 quilómetros da carreira a pé e pasou as dúas primeiras voltas liderando a proba.Pero a falta de 5 quilómetros para a conclusión, Iñaki Balellou adiantou ao do Rías Baixas e venceu cun tempo de 3:58:13.

Dapena foi segundo a 2:23 e Alberto Moreno foi terceiro a 4:03. O Top 5 completárono Roger Manyà e Diego Mentrida.