Pablo Dapena non se conforma e ve "cada vez máis próximo" o seu paso ao Ironman

Pontevedra
17 de xullo 2018

Aínda tenta dixerir o éxito que supuxo o seu triunfo no Mundial de tríatlon de longa distancia, que recoñece supuxo "o maior éxito da miña vida", pero Pablo Dapena non se conforma e xa pensa en novos retos. O Europeo ou o Nacional da especialidade figuran entre os seus plans, e tamén dar o salto ao Iroman, a maior franquía do seu deporte

Recepción municipal a Pablo Dapena tras vencer no Mundial de longa distancia
Recepción municipal a Pablo Dapena tras vencer no Mundial de longa distancia / Mónica Patxot

Como flamante campión do Mundo. Así visitou este martes Pablo Dapena o Concello de Pontevedra para recibir a homenaxe da corporación municipal, con representantes de todos os grupos políticos.

O triatleta pontevedrés, que o pasado sábado se impuxo no Mundial de tríatlon de longa distancia celebrado en Dinamarca, aínda se recoñece superado pola repercusión que tivo o seu triunfo deportivo. "Por agora estame quedando un pouco grande", sincérase, pero asegurando estar "moi contento" ante o que foi "o maior éxito da miña vida".

Dapena esperaba "estar entre os cinco primeiros porque ao final levas un ano moi bo e gañando a xente de moito nivel", pero o título chegoulle por sorpresa, iso si, froito de moito esforzo e traballo. "Este ano no inverno escapei pola temperatura a Lanzarote, adestrando moitas horas como nunha cárcere e todo ese traballo ten recompensa", sinalou o triatleta pontevedrés.

O título mundial leva ademais un premio engadido, xa que lucirá o dorsal número 1 o próximo ano na casa, no campionato do Mundo que organizará Pontevedra dentro do ITU Multisport Festival. Será algo "moi especial, con amigos, familiares e demais xente aquí animando", aínda que Pablo escapa da presión de partir como un dos favoritos e cede esa honra a Javier Gómez Noya, que tamén estará previsiblemente na liña de saída: "a presión non vai ir para min, vai ir para el".

Precisamente contra Gómez Noya correrá na que será a súa próxima cita internacional, o próximo 28 de xullo en Praga dentro da franquía Challenge na que tan bos resultados conseguiu esta tempada.

Tras esta carreira no seu calendario figuran o Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia que se celebrará en agosto en Pontevedra, onde se probará o circuíto do Mundial 2019, e o Europeo da especialidade que terá lugar en Madrid en setembro. Despois chegará a quenda de "descansar, refrescar e mirar todo o que veña".

Nese futuro asoma con forza a idea de dar o salto ao Ironman, a icónica franquía do tríatlon de longa distancia. "Eu penso que este ano non e xa se verá o ano que vén", recoñece Dapena, aínda que "cada vez o vexo máis próximo".