Pablo Dapena estrea as cores do Tríatlon Rías Baixas

Pontevedra
06 de outubro 2022

O campión do mundo pontevedrés, con licenza nacional no club da súa cidade, competirá por primeira coas súas cores no Ibiza Half Triathlon, proba final da Copa de España de Tríatlon de Media e Longa Distancia que se disputará o próximo 23 de outubro

Pablo Dapena, no PTO US Open en Dallas Professional Triathletes Organisation (PTO)

A recta final da tempada de tríatlon será especial para o Tríatlon Rías Baixas e para o pontevedrés Pablo Dapena.

O campión mundial de longa distancia decidiu este ano sacar a súa licenza nacional co renovado club da súa cidade, co obxectivo de botar unha man aos seus amigos e comptir con eles "sempre que lle sexa posible", sinalaba o pasado mes de febreiro o Rías Baixas.

Con todo, cun calendario centrado nas grandes citas internacionais e dentro da estrutura do potente BMC, non puido estrearse coa cor amarela do club pontevedrés, ata o de agora.

Xa hai data para esa estrea, e é que Dapena inscribiuse no Eivissa Half Triathlon, proba final da Copa de España de Tríatlon de Media e Longa Distancia que se disputará o próximo 23 de outubro cun percorrido de 2 quilómetros de natación, 90 quilómetros ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé. Ao tratrse dunha cita do calendario nacional, competirá coa súa nova camisola do Rías Baixas.

Todo un acicate ademais para o seu equipo, que actualmente ocupa o cuarto posto na Clasificación Nacional de Clubs de Media e Longa Distancia e que aspira a asaltar o podio, o que sería todo un logro despois dunha intensa tempada. Ademais o Rías Baixas ocupa o posto 49 Clasificación Nacional de Clubs de todas as distancias.

No que respecta a Pablo Dapena, prepárase para pechar a súa tempada con dúas carreiras, a de Ibiza o 23 de outubro e antes, o 15 de outubro, co Challenge Mallorca.