A contorna da Ponte dos Tirantes acolleu este sábado a vixésima edición do trofeo Ciudad de Pontevedra de tríatlon, que este ano tamén foi campionato galego na modalidade de sprint. Nesta ocasión, o gañador en categoría masculina foi o pontevedrés Pablo Dapena, mentres que Anneke Forrest, do Ciudad de Lugo, venceu na feminina.
Con saída no pantalán do paso do Lérez, os participantes percorreron 750 metros a nado, 19,8 quilómetros en bicicleta e 4,95 quilómetros a pé.
Jorge González foi o primeiro triatleta en saír da auga, seguido moi de preto de Andrés Pierto, Andrés Cendán e Pablo Dapena, que saíu en cuarto posto cun tempo de 8:56.
Entre os catro estaba a ser a pelexa polo podio, intercambiando posicións durante o tramo ciclista e finalizándoo cunha diferenza de tan só 7 segundos entre o líder, Andrés Prieto, e o cuarto, Jorge González.
No segmento a pé, o pontevedrés pisou o acelerador para remontar con claridade, adiantando aos seus adversarios para facerse coa medalla de ouro do XX trofeo Ciudad de Pontevedra cun tempo de 57:01. Segundo atravesou a meta Andrés Cendán (57:20) e terceiro chegou Andrés Prieto (57:53).
Pola súa banda, en categoría feminina a gañadora foi a triatleta do Ciudad de Lugo, Anneke Forrest.
O tramo a nado foi moi axustado, con diferenzas de poucos segundos entre as primeiras en saír da auga. O desaxuste chegou no tramo en bicicleta, cando Anneke Forrest afastouse en case dous minutos do grupo perseguidor liderado por Natalia Castro.
A lucense non tivo rival e só tivo que manter o ritmo na carreira a pé para lograr o primeiro posto ao parar o cronómetro en 1:04:47. Natalia Castro chegou en segunda posición (1:06:19) e Raquel Alzaga foi terceira (1:07:00)
O acto de entrega de medallas presidírono o triatleta Javier Gómez Noya; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o presidente da Federación Galega de Triatlon (Fegatri), Gonzalo Triunfo.