Pablo Dapena despide a tempada cun segundo posto no Challenge Daytona

Pontevedra
15 de decembro 2019

O triatleta pontevedrés, que chegaba á cita xusto de forma debido a unha rotura de fibras no seu xemelgo esquerdo que lle impediu adestrarse con normalidade durante as últimas semanas, finalizou en segundo lugar, detrás do gran favorito da competición, o canadense Lionel Sanders

Pablo Dapena competindo no Challenge Madrid BMCVifittri

Pablo Dapena despediu a tempada esta fin de semana coa súa participación na segunda edición do Challenge Daytona de media distancia.

O triatleta pontevedrés, que chegaba á cita xusto de forma debido a unha rotura de fibras no seu xemelgo esquerdo que lle impediu adestrarse con normalidade durante as últimas semanas, finalizou en segundo lugar, detrás do gran favorito da competición, o canadense Lionel Sanders.

Rendendo a un gran nivel, Dapena saía da auga na cabeza xunto con Jason West e Joey Malone, seguidos de Andrew Starykowicz a 1:40 e Lionel Sanders a 2:30.

Chegaba a proba ciclista e Starykowicz impuxo o seu dominio neste segmento e foi remontando posicións para marcharse en solitario cun tempo de 1:14:42 para chegar á T2 seguido a 1 minuto do pontevedrés e de Sanders, e con máis de 4 de Malone e West.

Xa nos 13 quilómetros da carreira a pé, Dapena notou a falta de adestramento e viu como o canadense se afastaba na última volta do segmento e chegaba á meta nun tempo de 2:23:02. 

Pola súa banda, Pablo finalizou 30 segundos despois (2:23:32), seguido de Jason West a 4:30 (2:27:32) que ocupou a terceira posición.

Con este resultado, o galego consegue o terceiro posto na Clasificación Challenge Family 2019, o que lle outorga un bonus de 14.000 dólares.