Sen apenas descanso tras a súa participación no PTO de Dallas no que logrou un meritorio Top-10 ante moitos dos grandes especialistas da media e longa distancia do panorama internacional, Pablo Dapena regresa á competición.
O triatleta pontevedrés estará o vindeiro domingo 25 de setembro no primeiro Challenge San Remo, en Italia, onde parte como un dos máximos favoritos ao triunfo.
"Veremos se o corpo recuperou do PTO US Open e da longa viaxe de volta a casa", recoñeceu a través das súas redes sociais o propio Dapena nunha tempada que comezou para el máis tarde do habitual pero na que xa conseguiu resultados destacados como o triunfo no Challenge Gdansk ou o bronce no Europeo Ironman 70.3 de Elsinore.
A cita de Dallas, en Estados Unidos, serviu ademais para recuperar as boas sensacións tras o abandono no Mundial de Tríatlon de Longa Distancia.
En San Remo Pablo Dapena afrontará unha carreira de 1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé, con saída fixada ás 8.20 horas da mañá.