Pablo Dapena alonga a tempada na busca do premio extra, o bonus da franquía Challenge

Pontevedra
02 de outubro 2018

O triatleta pontevedrés, campión mundial e subcampión europeo de longa distancia, atópase a só 50 puntos do liderado do ránking mundial da franquía Challenge, que outorga a final de tempada un bonus de 30.000 dólares ao seu vencedor, polo que decidiu competir o 20 de outubro en Mallorca

Pablo Dapena, no Challenge Praga Challenge

A de 2018 é unha tempada que non esquecerá Pablo Dapena, campión mundial de tríatlon de longa distancia e subcampión europeo, pero o pontevedrés quere máis.

Nun ano no que non baixou do podio Dapena está situado na segunda posición do ránking mundial da franquía Challenge, con 1.500 puntos e a só 50 do alemán Sebastian Kienle, situación que provocará que alongue unhas semanas a súa tempada.

En xogo están os 30.000 dólares de bonus que Challenge outorga a final de ano ao vencedor do seu ránking, unha recompensa que ben merece un último esforzo e pola que o flamante campión do Mundo inscribiuse no Challenge Peguera Mallorca que se celebrará o día 20 de outubro.

A franquía Challenge outorga 30.000 dólares de bonus ao vencedor do seu ránking

Trátase dunha proba de media distancia (1,9 quilómetros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé), penúltima do circuíto europeo e afastada xa do esforzo sobre humano que supuxo o seu debut en Madrid en distancia Ironman.

Nela estará tamén o terceiro clasificado da xeral, o esloveno Jaroslav Kovacic (1.250 puntos), mentres que Sebastian Kienle decidiu competir no Challenge Forte Village de Sardeña que se disputa sobre media distancia o domingo 28 de outubro, só dúas semanas despois do Mundial Ironman de Hawaii no que se atopa agora centrado.

Ademais da proba de Mallorca, antes de dar por finalizada a súa tempada Pablo Dapena ten previsto participar este próximo fin de semana, 6 e 7 de outubro, en Lisboa no Campionato Europeo de Remudas por clubs e no Campionato de Portugal de Remudas, ambos os dous baixo distancia supersprint, ademais de no Campionato de España de Tríatlon por Clubs que se celebrará o 13 de outubro en Sevilla en distancia sprint.