Pablo Crespo vence no Selectivo de Verducido e gaña o dereito para soñar con París 2024

Pontevedra
11 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O padexeiro da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra impúxose este xoves no C-1 1.000 metros na segunda xornada do Selectivo Nacional, no encoro pontevedrés de Pontillón do Castro, e será o representante español que busque unha praza para os Xogos no Preolímpico Europeo previsto os días 8 e 9 de maio en Hungría

Pablo Crespo, tras impoñerse no C-1 1.000 do Selectivo Nacional no encoro de Pontillón do Castro
Pablo Crespo, tras impoñerse no C-1 1.000 do Selectivo Nacional no encoro de Pontillón do Castro / RFEP

A segunda xornada dos 'Trials olímpicos' que a Real Federación Española de Piragüismo está a celebrar no encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, volveu a ter protagonismo pontevedrés.

Se o mércores Antía Jácome, Carolina García e Teresa Portela certificaban a súa clasificación para París 2024, este xoves Pablo Crespo gañou o dereito para soñar con estar nos Xogos Olímpicos.

O padexeiro da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra impúxose na proba do C-1 1.000 metros, a única xunto ao K-2 500 feminino na que España non clasificou aínda ningún barco. Por iso, será o representante nacional no Preolimpico Europeo que terá lugar os días 8 e 9 de maio en Szeged, Hungría.

En canto á proba do Selectivo en Verducido, con ampla representanción de deportistas locais, Crespo foi o mellor na final cun tempo 4:00,692, superando por menos dun segundo a Manuel Fontán, do Náutico O Muño (+0:00,803), e a Diego Domínguez do Breogán do Grove (+0:00,986).

Máis lonxe quedaron David Barreiro (Breogán), Noel Domínguez (Breogán) e sobre todo Adrián Sieiro (O Muíño) e Martín Jácome (Ciudad de Pontevedra), que se deixaron ir nos metros finais.