Pablo Carnero vístese de Papá Noel para dar a vitoria e o campionato de inverno (2-1) ao Pontevedra

Pontevedra
21 de decembro 2014

Mal partido pero inmellorable resultado que unido ao empate do Cerceda en Ordes converte ao Pontevedra en campión de inverno a falta dunha xornada para rematar a primeira volta. Dous goles de Pablo Carnero permitiron a remontada granate

Os xogadores do Pontevedra celebran o gol da vitoria sobre o Alondras en Pasarón Diego Torrado

Mal partido pero inmellorable resultado que unido ao empate do Cerceda en Ordes converte ao Pontevedra en campión de inverno a falta dunha xornada para rematar a primeira volta. Dous goles de Pablo Carnero permitiron a remontada granate fronte a un Alondras que unicamente pisou a área local na xogada que o adiantaba no marcador.

Dez minutos, tres ocasións falidas, un mal balance defensivo que custa encaixar un gol e carencia absoluta de ideas na construción. Sería o rápido resumo do xogo do Pontevedra nunha mala primeira parte, emendada parcialmente co espertar dos últimos minutos, na que demasiados xogadores estiveron ausentes, como perdidos, acreditando unha vez máis o moito que lle custa crear e tamén definir cando en fronte está un rival ben posicionado, agresivo e intenso nas disputas.

Con todo, a posta en escena do partido auguraba facilidades para os granates, que encontraban un auténtico filón nos problemas do Alondras para defender as accións a balón parado.

Froito diso chegaban as dúas primeiras e claras ocasións locais. Ambas as dúas en apenas dous minutos. Senllas faltas laterais lanzadas con moita intención por Mouriño remátanas Campillo, a primeira, de cabeza facendo lucir a Martín para evitar un gol que se cantaba, e Pablo Carnero, excesivamente cruzado, logo de petición de penalti sobre Anxo que o colexiado non sancionou, nin tampouco se viu moi claro.

Ían só nove minutos e aí apagouse o Pontevedra, que caeu nun xogo espeso, deixando que a iniciación das xogadas correspondese aos seus defensas, sen conexión entre o centro do campo e os dous puntas. Aproveitouno o Alondras para vivir máis comodamente co balón un pouco máis lonxe da súa área, pero sen buscar tampouco a presenza en campo rival.

Ata que unha perda de balón en zona de medios, cun mal balance defensivo local (minuto 21), permite a Gustavo Souto poñer un bo balón ás costas de Campillo. Mauro fixo o resto tras controlar o balón co peito para bater a Edu e adiantar ao Alondras na súa primeira e única vez en que chegou á área local.

Tardou en reaccionar o Pontevedra. E fíxoo a través de accións de homes que teñen habitualmente outros mesteres. A mellor xogada chegaba nun arranque polo centro de Campillo, con apertura sobre Anxo e centro deste para que o mesmo Campillo, chegando arriba, remate de cabeza fóra por moi pouco.

Era o minuto 35 e esa acción espertou a un Pontevedra que empezou a gañar metros, ata que dun saque de banda nace o empate (minuto 42). Puxo o balón en xogo Adrián sobre Tubo, que lle devolveu para que o lateral centrase o balón á área. Pablo Carnero a baixa co peito e á media volta bate a Martín. Acción de dianteiro con calidade e oficio.

O gol sacou do partido ao Alondras, que recibiu o descanso con alivio, non sen antes sufrir outro susto, nun centro de Anxo (minuto 44) que Jorge remata de cabeza mal, por enriba do longueiro.

Se a primeira parte non foi boa, o sucedido na segunda lonxe de melloralo foi a peor. O Pontevedra non podía e o Alondras non se atrevía. Iso si, se algún equipo fixo algo por buscar a vitoria, aínda que sen brillantez nin acerto, ese foi o granate. Así transcorreron 35 minutos deste período final. Sen unha só xogada, sen un só disparo entre os tres paus de ninguén. Ben, no caso do cadro visitante, nin entre os tres paus nin fóra, simplemente parecían sentir unha especie de alerxia a pisar terreo contrario.

Pero en tardes así a superior calidade individual dalgúns xogadores adoita decantar a balanza e niso o Pontevedra ten homes que están moi por enriba que os de calquera rival desta categoría, un deles, resulta case innecesario dicilo, é Pablo Carnero. El desatascou o partido aproveitando un magnífico servizo de Centrón, tras unha chegada ata a liña de fondo, cun primeiro centro rexeitado pola defensa e un segundo que nace da fe e intensidade coa que disputou o balón, para deixarlle un remate franco a Pablo Carnero.

Quedaban dez minutos, máis catro engadidos por diante. Os de Josiño Abalde careceron de capacidade de resposta e o Pontevedra puido mesmo ampliar a diferenza no desconto. Evitouno Martín mandando a corner un gran remate de Mouriño.

Ao final mantelo dos seus compañeiros e ovación para David Feito na súa despedida, e liderado consolidado para un Pontevedra que marcha de vacacións cun regalo de Nadal en forma de campionato de inverno, que será todo o anecdótico que se queira, pero sempre resulta gratificante.

PONTEVEDRA CF (2): Edu (1); Adrián (1), Campillo (3), Capi (2), David Feito (1); Tubo (0), Pedro García (2), Mouriño (2), Anxo (2); Pablo Carnero (3) e Jorge (0).

Substitucións: Centrón (2) por Tubo, minuto 46. Benja (1) por Jorge, minuto 60. Jacobo (s.c.) por David Feito, minuto 74.

ALONDRAS CF (1): Martín (3); Rubén (1), Toni (1), Chichí (1), Castilla (1); Abel (2), Pablo Berros (1); Leiro (0), Mauro (2), Firi (0); e Gustavo Souto (1).

Substitucións: Richi (0) por Leiro, minuto 55. Joni (0) por Mauro, minuto 66. Javi (s.c.) por Toni, minuto 73.

Árbitro: Fernando Formoso Sánchez (Ferrol), auxiliado nas bandas por José Antonio Rodríguez Dopico e Alberto Cinza Seoane. Amoestou a Anxo, Pablo Carnero e Mouriño, polo Pontevedra, e a Abel, Leiro e Gustavo Souto, polo Alondras.

Goles: (0-1) Minuto 21: Mauro. (1-1) Minuto 42: Pablo Carnero. (2-1) Minuto 80: Pablo Carnero.

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.300 espectadores. Ao finalizar o partido os xogadores do Pontevedra mantearon ao seu compañeiro David Feito, que xogaba o seu último partido coa camiseta granate e que rematou abrazándose coa afección do Fondo Norte. Gardouse un minuto de silencio en memoria do que foi porteiro granate Javier Gato, recentemente falecido.