Pablo Barreiro, un vilagarcián de 16 anos, vence con Alba Díaz no campionato de España da clase 420

O Salnés
07 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Os dous compañeiros de barco ían, xa na última xornada, en cabeza na categoría mixta cunha diferenza de 59 puntos sobre a segunda embarcación clasificada. Pablo Barreiro Cores é integrante do Real Clube Náutico de Sanxenxo e este é o segundo ano nesta modalidade de vela lixeira

Alba Díaz e Pablo Barreiro no momento de recibir os trofeos PontevedraViva

A embarcación con tripulación mixta formada por Pablo Barreiro e a coruñesa Alba Díaz lograba esta fin de semana gañar o campionato de España da clase 420, que se celebraba na Bahía de Cádiz.

O barco que tripulan logrou, xa a falta dunha xornada, situarse na cabeza de maneira moi destacada, cunha diferenza de 59 puntos sobre a segunda embarcación clasificada, a tripulación do Team Balís de Izan Codinaachs e Carla Romago.

Pablo Barreiro Cores é vilagarcián e membro do Real Club Náutico de Sanxenxo. Ten tan só 16 anos e compite na categoría Sub 19 con Alba Díaz Martínez, que suma 18 anos. Barreiro atópase no seu segundo ano da modalidade de 420.

Os dous tamén gañaron recentemente a proba puntuable do campionato galego en Vigo e actualmente están situados na segunda posición da clasificación galega.

A selección galega de 420, de vela lixeira, atópase desde a semana pasada en Porto Sherry, en Cádiz, para disputar este Campionato de España, no que participan 60 embarcacións.