Ouro para Tono Campos e bronce para Pablo Crespo e Diego Piñeiro no Mundial de Maratón

Pontevedra
19 de outubro 2019
Actualizado: 17:44

O grovense Tono Campos fíxose coa medalla de ouro na regata do C1, o que supón o seu segundo podio neste campionato e, Pablo Crespo e Diego Piñeiro, pertencentes ao E.P. Ciudad de Pontevedra, fixéronse coa medalla de bronce na proba de C2 xuvenil

Diego Piñeiro e Pablo Crespo no Mundial de Piragüismo maratón de China Federación Galega de Piragüismo

Os representantes galegos desprazados a Shaoxing, China, para disputar o Campionato do Mundo de Maratón, tiveron un bo comezo ao alcanzar catro medallas nas dúas primeiras xornadas de campionato.

A segunda e terceira xornadas, disputadas durante a madrugada do venres e durante a mañá do sábado, tiveron gran protagonismo dos canoistas galegos.

O grovense Tono Campos fíxose coa medalla de ouro na regata do C1, o que supón o seu segundo podio neste campionato despois da prata conseguida na primeira xornada de competición.

A estratexia de Campos foi determinante para o resultado final da carreira. Realizou unha forte saída para situarse na cabeza e escaparse xunto ao checo Jakub Brezina e o ruso Kirill Shamshurin. Despois de 29 quilómetros, o do Grove deixou todas as súas balas preparadas para o último porteo onde a súa fortaleza fíxolle distanciarse dos seus rivais e terminar a regata cun tempo de 2:05:32:64.

Pola súa banda, Pablo Crespo e Diego Piñeiro, pertencentes á E. P. Ciudad de Pontevedra, fixéronse coa medalla de bronce na proba de C2 xuvenil tras ser superados na liña de meta polas embarcacións de Hungría e China ao termo dos 18 quilómetros que duraba a competición. 

En kaiak xuvenil, Joaquín Iglesias do Piragüismo Verducido que competía en K2 xunto ao madrileño Alejandro Moreno, finalizaron no posto número trece, mentres que Jaime Duro, da E. P. Ciudad de Pontevedra, lograba a sexta posición en C1 sub 23.

Así mesmo, Iago Romero e Javier Ordóñez do Naútico Pontecesures acabaron sétimos na proba C2 xuvenil, e a cesurá Iria Romero, alcanzou o sétimo lugar no C1 xuvenil.