O Marín Futsal xa sabe ata onde terá que desprazarse para xogar a fase final da Copa da Raíña, e será moi cerquiña da casa.
A Real Federación Española de Fútbol confirmou este xoves que o Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense acollerá os enfrontamentos decisivos do torneo do K.O. entre os días 6 e 8 de maio.
Será unha cita para a historia do club marinense, que pelexará por facerse con todo un título nacional, aínda que para iso terá duros adversarios aos que medirse.
O que falta por coñecer é aínda un dos equipos que disputará esta fase final, debido aos aprazamentos derivados da pandemia, atrasando á súa vez o sorteo dos cuartos de final.
Os equipos clasificados son polo momento, ademais do Marín Futsal, o MSC Torreblanca FS, Ourense CF Envialia, Sala Zaragoza, Atlético Navalcarnero, STV Roldán FS e Pescados Rubén Burela FS, lista que completará o gañador do duelo entre Joventut D'Elx e Arriva AD Alcorcón FSF.