Óscar Castellano 'Chiqui', primeira fichaxe do Pontevedra

Pontevedra
28 de xuño 2023

O atacante, de 25 anos e procedente do Coruxo, asina polo club granate para as dúas próximas tempadas. O último curso sumou sete goles no Grupo I da Segunda Federación

Óscar Castellano 'Chiqui', na súa etapa no Coruxo Coruxo FC

O Pontevedra Club de Fútbol xa ten á súa primeira fichaxe estival.

Trátase de Óscar Castellano, coñecido futbolísticamente como 'Chiqui' e que aterra na entidade granate procedente do Coruxo, onde estivo os dous últimos anos.

Atacante de banda, natural de Mérida e de 25 anos de idade, Chiqui sumou 15 goles no equipo vigués nas dúas últimas tempadas en Segunda RFEF, 8 a primeira e 7 na segunda e última. Antes do seu paso polo Vao defendeu as cores do Marino de Luanco na Segunda B e chego a debutar co Lugo en Segunda División (4 partidos) cando pertencía ao seu filial. Tamén pasou polo Arosa na tempada 18/19.

Chiqui comprométese co Pontevedra para as dúas próximas tempadas.

Coa súa chegada e a recente renovación de Churre pasan a ser dez os xogadores con contrato en vigor, uníndose a unha lista na que tamén están Luís Martínez, Anxo Bastos, Yelko Piñeiro, Borja Domínguez, *Álex González, Rufo, Oier Calvillo e Víktor Nikolov.