Os xogadores do Arosa Róber e Álex Cobo pasarán polo quirófano o día 30

O Salnés
23 de setembro 2021

O primeiro sofre a rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo dereito e xa dixo adeus á tempada, mentres que o segundo ten roto o menisco do seu xeonllo dereito e tardará sobre dous meses en recuperarse

Álex Cobo, número 13, nun partido co Arosa Cristina Saiz

Os xogadores do Arosa que se lesionaron os seus xeonllos durante o partido disputado en Luanco xa teñen data para pasar polo quirófano, serán operados o día 30 de setembro no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez polo doutor Miragaya.

Despois de pasar pola consulta médica esta semana, as exploracións confirmaron a necesidade de ambos de someterse a unha intervención quirúrguca para curar as súas respectivas lesións. A máis grave é a Róber, que ten roto o ligamento cruzado anterior do seu xeonllo dereito e estará de baixa como mínimo durante seis meses. Álex Cobo, pola súa banda, ten roto o menisco do seu xeonllo dereito e o prazo de recuperación, aínda que será moito máis curto, dependerá de diversos factores, aínda que se estima que roldará os dous meses.

A perda destes dous xogadores supón un importante contratempo para o equipo que dirixe Jorge Otero, que perde a dúas pezas fundamentais nos seus plans. Hai que lembrar que ambos foran titulares neste inicio de liga e agora o técnico debe tirar de banco para sobrepoñerse. Con todo, ao tratarse dunha lesión de longa duración, o Arosa pode acudir ao mercado para buscar un atacante que poida substituír a ficha de Róber.