Os únicos ouros galegos da Copa España de Piragüismo Maratón son de Jenifer Casal e Tono Campos

Pontevedra
22 de xuño 2019

O piragüismo galego suma un total de dez medallas no que leva transcurrido da competición nacional: dous ouros, cinco pratas e tres bronces

Chegada a meta da III Copa de España de Piragüismo Maratón Federación Galega de Piragüismo

O municipio ourensán de Castrelo de Miño acolle, desde a mañá deste sábado e ata a tarde do domingo, a III Copa de España de Piragüismo Maratón, na que participan un bo número de deportistas galegos. Entre eles, o veterano Óscar Graña, en C2, ou Tono Campos e Diego Romero, do Breogán do Grove. 

A cita supón de gran importancia, xa que é clasificatoria para as competicións internacionais desta tempada, entre as que destaca o Europeo, que se celebrará en Francia o próximo mes de xullo.

A primeira xornada de competición resultou todo un éxito para os padeeiros galegos, que conseguiron facerse cun total de dez medallas: dous de ouro, cinco de prata e tres de bronce. As dúas primeiras, pertencen á pontevedresa Jenifer Casal, que gañou, cunha significativa vantaxe, en C1 sénior, e ao mencionado Campos, na mesma categoría pero no grupo masculino, cun tempo de 2 horas, 11 minutos e 10 segundos. Ambos lograron praza na cita europea.

Despois do padeeiro do Salnés cruzou a liña de meta o tudense Manuel Garrido, seguido polo compañeiro do primeiro do Breogán, Diego Romero, que non puido pelexar pola primeira praza ao ser sancionado durante o desenvolvemento da proba con 30 segundos. Perdendo, así, o ata ese momento liderado da mesma.

Por outra banda, en categoría sub-23, o padeeiro do Piragüismo Verducido, Joaquín Iglesias, fíxose co bronce en K1. Pablo Crespo, do EP Ciudad de Pontevedra, fixo o mesmo en C1 e, finalmente, a súa compañeira, a canoista Nuria Rodiño terminaba a súa participación cunha terceira posición en C1.