O Zamora CF regresa este curso á Segunda División B. Despois de cinco tempadas en Terceira División, rozando a desaparición, hai dúas tempadas o Grupo Vivir, un grupo investidor madrileño, facíase coa xestión da entidade e devolvía ao club a aureola de campión. Tras quedar ás portas do ascenso a campaña pasada, caendo no play-off de ascenso primeiro ante o Haro Deportivo e despois fronte ao Alcobendas, os branquivermellos lograban o ansiado ascenso este pasado mes de xullo ao dobregar primeiro o Numancia B e despois á Gimnástica Segoviana.
Para o seu regreso a Segunda B, e ante os cambios que se produciron no formato de competición coa división por subgrupos, a dirección deportiva optou por renovar a unha ampla porcentaxe dos xogadores. E é que nunha primeira liguiña de só dez equipos será fundamental non perder demasiadas semanas en axustar o plantel.
Ante iso, e coa aspiración de aproveitar a inercia do recentemente ascendido, o Zamora mantén o mesmo corpo técnico liderado por David Movilla. Trátase dun adestrador con experiencia na Segunda B, xogando mesmo fase de ascenso a Segunda A co Barakaldo, e que en Zamora está a mostrarse como un adestrador metódico, moi analista do rival e cunha enorme variedade nos seus patróns de xogo.
En canto ao plantel, ata dezaseis xogadores repiten con respecto ao conxunto que logrou o ascenso: Jon Villanueva, Mapisa e Moha na portería; Parra, Asiel, Piña e Coque en defensa; Dani Hernández, Perero, Vallejo, Carlos Ramos, Juanan e Escudero no centro do campo; e Valentín, Sergio e Zotes en vanguardia. Deles, media ducia con experiencia en Segunda B nalgunhas pasaxes da súa carreira deportiva.
En canto ás incorporacións, producíronse tres chegadas sub23 e tres sénior. Iniciando polas primeiras, Abel Conejo e Adri Herrera, do Numancia B e debutando co primeiro equipo o ano pasado, son dúas apostas que parecen seguras. Ademais, o lateral zurdo procedente do filial do Rayo Vallecano, Meseguer, pecha as fichas sub23. Por último, as tres únicas incorporacións sénior foron a do extremo zurdo de 31 anos Omar Monterde, que chega de xogar na liga polaca, a do central Crespo, que o curso pasado xogou no Salamanca CF UDS, e a do atacante Jacobo Alcalde, da terceira madrileña.
En definitiva, un equipo que se ‘paseou’ en Terceira División o ano pasado, e que apenas deu un par de retoques por liña para afrontar a Segunda B máis incerta e á vez máis importante dos últimos anos, ante a creación, para a próxima campaña, da Segunda B Pro.
TEXTO: Ángel García (responsable de deportes de zamora24horas.com e Cope Zamora)