Os recoñecementos médicos ao plantel do Pontevedra, paso previo ao comezo dos adestramentos

Pontevedra
18 de xullo 2024

Varios futbolistas do club granate pasaron este xoves os primeiros recoñecementos médicos ao plantel no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez

Javi Fontán e Charly, na primeira xornada de recoñecemento médico ao plantel do Pontevedra CF Pontevedra Club de Fútbol SAD

As vacacións acaban para o primeiro plantel do Pontevedra Club de Fútbol, que empeza xa a mirar cara á nova tempada deportiva.

Varios futbolistas do primeiro equipo granate estrearon este xoves os recoñecementos médicos previos ao comezo dos adestramentos, acudindo desde primeira hora da mañá ao Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez.

Por alí pasaron xogadores como Churre, Yelko Pino, Chiqui, Charly López, Iago Novo e Javi Fontán, e este venres seguiranlles o resto de integrantes do plantel.

Unha vez recibido o OK dos servizos médicos, o luns día 22 será momento para vestir de curto e iniciar unha preparación de seis semanas que concluirá o 31 de agosto ou 1 de setembro coa primeira xornada do campionato de liga na Segunda RFEF.

Polo momento o Pontevedra só confirmou un amigable para a súa pretempada, o que supoñerá a visita do RC Deportivo a Pasarón o sábado 27 de xullo. Unha cita que se suma á anunciada polo CD Lugo, que xogará o estadio pontevedrés o día 17 de agosto.